1 minute read
COn moita arte
Pai, Fillo e Espírito Santo
Os cristiáns cremos nun só Deus: Pai, Fillo e Espírito Santo.
Así o expresamos rezando o Credo na Eucaristía. A seguinte obra de arte que che mostramos trátase dunha icona —as iconas son os cadros típicos de Rusia—, creado polo artista ruso Andréi Rubliov (h. 1360-1430). Representa a Trindade.
Nesta icona, Rubliov pintou a unidade e a pluralidade da Trindade. Vemos tres anxos que son case idénticos entre si: teñen o mesmo rostro, o mesmo tamaño, levan roupas parecidas e os tres sosteñen unha vara. Represéntase un diálogo entre eles, sen palabras, con xestos serenos e harmoniosos de gran beleza.
• O anxo da esquerda representa o Pai. A cor azul con transparencias da súa roupaxe simboliza a divindade.
• O anxo central representa o Fillo ou Cristo. As cores azul e vermello do seu manto simbolizan que é Deus —azul— e home —vermello.
• O anxo da dereita é o Espírito Santo. Viste túnica azul porque é Deus, e un manto verde que simboliza a vida, porque o Espírito Santo é o que nos dá a nova vida polo Bautismo.
Nos tres anxos aparece a cor dourada, que simboliza a luz de Deus. Están sentados ao redor dunha mesa cun cáliz que representa a Eucaristía, símbolo da Comuñón con todos os cristiáns.
1. Observade a obra e mediante unha chuvia de ideas comentade en clase o que máis vos chama a atención desta preciosa icona.
Que arte tes!
As iconas
As iconas combinan imaxes e símbolos. As imaxes que representan teñen unhas características moi especiais:
• Non son tridimensionais.
• Nunca levan sombras, porque Deus é luz.
• Teñen importancia as miradas.
• As paisaxes sempre aparecen en segundo plano.
• Todos os detalles posúen un significado relixioso.
• Cada cor ten un significado teolóxico. Neste sentido utilizan ouro ou dourado, branco, azul, vermello, verde, marrón e negro.
Antes de comezar a pintar unha icona, o artista debía xaxuar, facer oración e ser bendicido pola comunidade. De maneira que unha icona non pode entenderse separándoo da fe.
As iconas son moito máis que obras de arte; son como catequese. Ensínannos e axúdannos rezar.
Como é Deus para ti?
As iconas están cheas de simboloxía. Con todo o que aprendiches nesta unidade sobre como é Deus, realiza unha icona coa imaxe que tes de Deus.
1. En silencio e con calma, pensa no que coñeces de Deus. Anótao se o cres necesario.
2. Pide a Deus que che axude a saber transmitir esas ideas a través da arte.
3. Utiliza toda a túa creatividade e deseña símbolos que reflictan cada idea.
Axuda en anayaeducacion.es