5 minute read

A VOZ DE DEUS

As Benaventuranzas

Xesús comeza o anuncio do Reino de Deus proclamando as Benaventuranzas. Le o relato completo no Evanxeo de San Mateo (Mt 5, 1-12): «Vendo Xesús a multitude, subiu ó monte e sentou. Achegáronselle os seus discípulos, e el, tomando a palabra, ensinábaos dicindo: Ditosos os que teñen espírito de pobres, porque deles é o Reino dos Ceos».

Axudarache a comprender o relato da Biblia

Párate a pensar no que te fai feliz de verdade.

• Gústame que as persoas me miren aos ollos e me digan: «Quérote»... Porque me fan un sitio no seu corazón e síntome ben.

• Gústame ser eu sen postureo e sentir que os demais me respectan... Porque me sinto libre e feliz.

• Gústame escoitar e que me escoiten... Porque descubro outras maneiras de ver o mundo e aprendo a amar na diversidade.

• Gústame facer o ben, sen mirar a quen... Porque é como sementar felicidade e facer do mundo un lugar mellor.

• Gústame escoitar o meu corazón e sentir a Deus sempre ao meu lado, pase o que pase... Porque sei que o seu amor é infinito, sen condicións.

Este é o soño de Deus e é o que quere Deus para todas as persoas: a felicidade de verdade.

1. Le na Biblia as Benaventuranzas. Escribe no teu caderno a que máis che chama a atención e explica por que.

2. En parellas, dialogade sobre o que máis vos gusta do apartado «Axudarache a comprender o relato da Biblia».

3. Elixe un dos puntos dese apartado e convérteo en propósito para esta semana. Anótao no teu caderno.

Infinitamente felices

As Benaventuranzas son o comezo da predicación de Xesús, e resumen o máis importante da Boa Noticia. Deus chámanos a ser felices, ámanos e quere que vivamos en plenitude. Desexa que sexamos benaventurados, é dicir, «inmensamente ditosos» ou «infinitamente felices».

Claves do relato bíblico para comprender as Benaventuranzas:

• Onde. Xesús sobe á montaña. Iso recórdanos o monte Sinaí, o lugar onde Deus entrega a Moisés los Diez Mandamentos. As Benaventuranzas son, polo tanto, a Nova Lei.

• Para quen. Xesús fala para todo o mundo sen excepción: non só para os seus discípulos, senón tamén para todo aquel que queira escoitalo. Anuncia unha mensaxe de felicidade para toda a humanidade.

• Como. O relato mantén unha estrutura que se repite. Nunha primeira parte, Xesús chama felices persoas en diferentes situacións: ditosos son os pobres, os aflixidos, os humildes, os limpos de corazón, etc. Nunha segunda parte, Xesús manifesta unha esperanza: porque deles é o Reino dos ceos, porque verán a Deus e porque serán consolados.

En calquera situación na que unha persoa se poida encontrar, especialmente nas que sufra ou o pase mal, Deus está con ela: nunca está soa.

As Benaventuranzas son como unha folla de ruta; con estas frases Xesús ensínanos o camiño a seguir para alcanzar a verdadeira felicidade.

4. Completa no teu caderno as respostas: a) Benaventurados é o mesmo que dicir... b) As Benaventuranzas son o comezo...

5. Imaxina a Xesús hoxe no comezo da súa predicación e responde. Onde a realizaría? A quen se dirixiría? Como o faría? Escribe como serían hoxe as Benaventuranzas.

O Reino de Deus

Xesús dedica toda a súa vida ao anuncio do Reino de Deus ou Reino dos Ceos: forma parte do centro da súa mensaxe. Todos os xestos, as palabras e as actitudes de Xesús son signos do Reino de Deus.

O Reino de Deus non é un lugar físico afastado, nin unha utopía inalcanzable. Xesús dinos que este Reino chegou, que está entre nós:

«O Reino de Deus chegará sen deixarse sentir. De tal xeito, que non se dirá: “Velaquí, ou velaí está”; porque a verdade é que o Reino de Deus xa está entre vós». (Lc 17, 21).

O Reino de Deus significa o reinado de Deus nos nosos corazóns. É un xeito de vivir na que Deus é o máis importante. É un convite a cambiar noso xeito de actuar e de pensar para vivir como Deus quere.

O Reino de Deus é o compromiso dos cristiáns para que todas as persoas vivan de xeito digno e feliz. Por iso, as Benaventuranzas ofrecen un lugar privilexiado no Reino de Deus ás persoas desfavorecidas, maltratadas ou apartadas pola sociedade, porque son os que máis o necesitan.

A misión da Igrexa é facer visible o Reino de Deus hoxe.

Utopía. Son ideas ou soños que non se poden alcanzar.

1. Explica coas túas palabras e no teu caderno que é o Reino de Deus.

2. En grupos de tres ou catro persoas, buscade accións que a Igrexa leva a cabo hoxe no mundo para facer visible o Reino de Deus. Deseñade un mural e expoñédeo en clase.

Un xeito de vivir

Xesús anuncia o Reino de Deus non como unha doutrina que hai que cumprir, senón como un modo de vida diferente para vivir en plenitude.

Xesús revélanos onde está a verdadeira felicidade, ensínanos a mirar para ver o corazón das persoas, máis alá das súas circunstancias, do seu lugar de nacemento, da súa relixión, dos seus fallos, do que ten ou non ten, etc. O Reino de Deus é un reino de verdade e de xustiza, que ten como única Lei o amor a Deus e aos demais como a ti mesmo.

Os valores do Reino de Deus son o amor, a verdade, a xustiza, a paz, a liberdade e a alegría. É unha proposta do amor como camiño cara á verdadeira felicidade.

Amar así conéctanos desde o profundo cos demais, de xeito recíproco, e con toda a Creación. É vivir como Deus quere que vivamos e facer realidade o sono de Deus.

Xesús

A Igrexa tamén anuncia o Reino de Deus

A felicidade é a promesa do Evanxeo.

3. Escribe no teu caderno accións que podes realizar para facer realidade hoxe o Reino de Deus. Poñede en común as respostas e realizade un propósito común entre todos.

4. Observa ao teu arredor a realidade e os valores que moven o mundo. Anota no teu caderno as diferenzas que ves con respecto ao xeito de vivir que propón Xesús. Despois dialogade entre todos e elaborade unha conclusión.

Xesús chámanos a vivir

O Reino de Deus comeza no interior de cada persoa, desde a fe. E faise realidade porque a fe nos empurra a vivir amando, buscando a xustiza, traballando pola paz e sendo esperanza para os que máis o necesitan. En definitiva, facendo presente a Deus en calquera canto do mundo.

Xesús recórdanos co anuncio do Reino de Deus onde está o verdadeiramente importante, e invítanos a:

• Vivir desde o corazón sendo nós mesmos, amarnos e encontrarnos cos demais para, unidos, transformar o mundo.

• Ser persoas auténticas e honestas fronte ao ter e aparentar que impón a sociedade, para ser felices e facer felices os demais.

• Descubrir a Deus como fonte da verdadeira felicidade.

Esta chamada de Xesús hoxe segue rompendo esquemas como o fixo no seu momento; porque a chamada de Xesús é unha proposta para vivir co amor como Lei, para construír un mundo máis xusto en que todas as persoas consigan a felicidade e descubran que Deus as ama para sempre.

Atrévete a soñar o soño de Deus.

A semente do reino de Deus está no corazón de todas as persoas.

1. Escribe coas túas propias palabras a que nos invita Xesús co anuncio do Reino de Deus.

2. En silencio, pensa que che achega Deus para ser feliz. Exprésao cun debuxo, unha frase, unha poesía, con xestos ou como queiras.

3. Resume nunha frase que é a xustiza para ti e deseña un cartel con esta.

This article is from: