2 minute read
COn moita arte
O Reino de Deus parécese a...
Xesús utiliza as parábolas e as comparacións para falar do Reino de Deus. Deste xeito, Xesús conecta coa experiencia dos que o escoitan para que comprendan mellor as súas ensinanzas. O Evanxeo de san Mateo (Mt 13, 3-9) conta a parábola do Sementador: «Dunha vez saíu un labrego a sementar. E ó botar a semente, parte dela foi caendo polo camiño adiante; viñeron os paxaros e comérona. Outra caeu entre as pedras, onde a penas había terra; e naceu de contado, porque a terra non tiña fondura. Outra parte caeu na silveira. Outra caeu en boa terra, dando froito: unha, cen; outra, sesenta; outra, trinta».
O sementador, de Vincent van Gogh é obra impresionista onde teñen moito protagonismo a forza das cores e das pinceladas. A composición do cadro é rompedora, porque a árbore parte o cadro pola metade, deixando á dereita a vila e o bosque, que parecen representar o mundo real, mentres que á esquerda permanece o sementador realizando a sementeira co sol por detrás, como símbolo de Deus. É unha clara alusión á parábola do sementador.
Impresionismo. Estilo artístico de finais do século xix . Caracterízase pola potente cor nos cadros e a liberdade das súas pinceladas.
1. Le o relato completo en Mt 13, 3-9. Observa a obra e anota no teu caderno o que che transmite.
2. Le en Mt 13, 18-23 a explicación que ofrece Xesús aos seus discípulos sobre a parábola do Sementador.
• Dialogade e extraede conclusións que nos sirvan para aplicar na nosa vida diaria.
O sementador, de Vincent van Gogh (1888. Museo Van Gogh, Ámsterdam).
Que arte tes!
O poder da Palabra
As palabras serven para comunicarnos, expresar as nosas ideas e emocionarnos; non son simples sons que se leva o vento.
As palabras poden construír, facer a vida mellor, facer sentir ben os demais, expresar amor, etc. Tamén poden provocar malentendidos, ofender ou danar.
Son poderosas porque nos axudan a conectar co corazón das persoas.
O fondo da mensaxe de Xesús era complicado para as persoas que non sabían ler nin escribir. Por iso, utiliza as parábolas, que son historias con palabras sinxelas baseadas na experiencia dos que o escoitan. Xesús utilizou moitas parábolas que se poden ler nos Evanxeos, como a do fermento, a ovella perdida, o gran de mostaza, o sementador, etc. Deste xeito conecta co que estas persoas coñecen, para que así poidan comprender mellor o que significa o Reino de Deus.
A miña parábola
1. Imaxina que Xesús camiña hoxe polas rúas ou polo teu colexio. Que parábola utilizaría hoxe para explicar que é o reino de Deus?
2. Pensa e inventa unha parábola adaptada á realidade de hoxe: «O Reino de Deus parécese a...»
3. Escribe no teu caderno a túa parábola creada.
4. Expoñede as vosas parábolas en clase e dialogade.
Axuda en anayaeducacion.es