6 minute read

A VOZ DE DEUS

Unha fe viva

A Carta de Santiago (St 2, 14-17) explícanos que a fe nos move a vivir como Xesús nos ensina. Móvenos a vivir amando.

«Que proveito lle trae a un dicir que ten fe, se non ten feitos? Acaso o poderá salvar esa fe? Se un irmán ou unha irmá andan espidos e necesitados do pan de cada día, e vai un de vós e dilles: "ide en paz, quentádevos e fartádevos", pero non lles dá aquilo que lle cómpre ó seu corpo, que proveito levan? Pois o mesmiño pasa coa fe: se non ten feitos, leva a morte no seu cerne».

Axudarache a comprender o relato da Biblia

Hoxe é o teu día. Alguén que te quere un montón farache un regalo. É un regalo enorme, realmente grande... Que será?

• Vén envolto coidadosamente nunha caixa moi bonita, cun lazo xigante da túa cor favorita, unha tarxeta dedicada e unha piruleta de corazón pegada co teu nome; non lle falta nin un detalle.

• Un regalo así fai que, segundo se achegan con el cara a ti, pola túa mente pasen todas as cousas que queres, unha detrás doutra, á velocidade da luz. «Que será? Que será?», pregúntaste.

• Imaxinas que o regalo é só o paquete? E que dentro non hai nada? Isto non tería ningún sentido.

A fe é como ese regalazo: se vén baleiro, non ten sentido. No teu regalo hai todo o que necesitas para ser feliz, e facer do mundo un lugar máis feliz.

1. Pensa a que accións te impulsa a túa fe. Escríbeas no teu caderno.

2. Prepara un regalo nun sobre. Coida todos os detalles e introduce unhas palabras bonitas para o teu compañeiro ou compañeira.

Fe e vida

A fe é a confianza en Deus, crer na súa Palabra e en todo o que nos prometeu e revelou ao longo da historia. Polo tanto, a fe non é unha doutrina ou unha teoría, senón unha relación persoal con Deus vivo. Significa confiar sempre nel, aínda cando non comprendas o que acontece.

Deus dá o primeiro paso e deposita a súa confianza en cada persoa ao creala: este é o regalo da fe. Pero para que a fe sexa viva, require dunha resposta por parte de cada persoa. É unha decisión libre e persoal; coidala e alimentala coa oración, a Palabra de Deus, os sacramentos e a vida.

A fe é un impulso que nos move cara a Deus, a amar como El nos ensina. É dicir, móvenos cara aos demais, en especial cara ás persoas máis necesitadas. Non se trata só de dicir «creo en Deus, creo na súa Palabra».

A fe vai unida á vida sempre, nace e transmítese na Igrexa.

3. Escribe coas túas palabras que é a fe e as consecuencias que ten esta na vida.

4. Realiza unha enquisa a diferentes persoas con estas preguntas:

Ti cres? Que é a fe para ti? De 1 a 5, como é de importante a fe na túa vida? Por que?

• Compartide en clase os resultados e dialogade para extraer conclusións.

Que é o Credo

O Credo é unha das principais oracións dos cristiáns. Esta oración resume toda a nosa fe, a esencia do que os apóstolos de Xesús transmitiron ao mundo.

O Credo rézase dentro da liturxia da Eucaristía e, aínda que está formulado de xeito persoal («creo»), toda a Igrexa ponse de pé e rézao unida. O Credo recórdanos que somos unha gran familia, unha gran comunidade, que comparte unha mesma fe e un mesmo Deus.

Como é o Credo

Creo en Deus, Pai Todopoderoso, Creador do ceo e da terra.

Creo en Xesucristo, o seu único Fillo, Noso Señor, que foi concibido por obra e graza do Espírito Santo, naceu de Santa María Virxe, padeceu baixo o poder de Poncio Pilato, foi crucificado, morreu e foi sepultado, descendeu aos infernos, ao terceiro día resucitou de entre os mortos, subiu aos ceos e está sentado á dereita de Deus, Pai Todopoderoso. Dende alí ha de vir a xulgar a vivos e mortos.

O Credo é a confesión da nosa fe.

Credo. Significa en latín «creo», que é primeira persoa do verbo crer. Poncio Pilato. Foi o político romano que exercía o seu poder en Xudea. Ordenou a condena de Xesús na Cruz.

Creo no Espírito Santo, a santa Igrexa católica, a comuñón dos santos, o perdón dos pecados, a resurrección da carne e a vida eterna. Amén.

1. Representa no teu caderno o Credo mediante debuxos ou símbolos.

2. Escribe as respostas no teu caderno: a) Que resume a oración do Credo? b) Por que a Igrexa reza o Credo unida?

As partes do Credo

« Creo en Deus» é a primeira frase que rezamos no Credo e a máis importante, xa que é a base de todas as demais. Crer en Deus é como o mandamento do amor. O primeiro e máis importante é o amor a Deus; o resto é consecuencia do devandito amor.

A oración do Credo está dividida en tres partes:

• Na primeira parte exponse a crenza en Deus Pai e Creador. Un só Deus que nos ama e é Todopoderoso, Creador e a orixe de todo.

• Na segunda parte cremos en Xesucristo, o Fillo de Deus. O seu único Fillo, encarnado no ventre da Virxe María, que morreu e resucitou por nós.

• E na terceira parte cremos en Deus Espíritu Santo e na Igrexa como lugar de comuñón e de manifestación de Deus.

A fe non son as palabras que dicimos, senón a vida que hai detrás delas ou á vida que nos moven. Pero coa axuda das oracións formuladas como o Credo podemos expresala, celebrala en comunidade, asimilala e transmitila.

Credo

Creo en...

O Credo é a oración por medio da cal proclamamos a nosa fe.

Encarnado. Significa literalmente «convertido en carne», ou en corpo humano.

Xesucristo, o Fillo de Deus

Deus Pai e Creador

Proclamamos a nosa fe.

Deus Espíritu Santo

3. Escribe no teu caderno as respostas: a) Cal é a frase máis importante do Credo? b) En cantas partes se divide o Credo? Explícaas.

4. Escribe nunha folla aquilo no que ti cres e decórao ao teu gusto. Expoñede as vosas creacións en clase.

Fe e ciencia

Fe e ciencia compleméntanse como o fan os nosos ollos ao mirar. Podemos mirar só cun ollo e pechar o outro; pero se miramos cos dous, a vista é máis ampla.

Fe e razón son dons de Deus que nos permiten buscar a verdade. Por iso, ambas as dúas han de complementarse, e cando se enfrontan podemos pensar que algo non funciona. Os conflitos entre fe e ciencia xorden ao longo da historia pola falta de diálogo e tolerancia ante quen pensa diferente; en definitiva, por defender posturas desde o enfrontamento e o desprestixio.

O Papa Bieito XVI afirma que fe e ciencia non se opoñen, senón que se complementan para chegar á verdade. Fe e razón necesítanse non só para a comprensión intelectual, senón tamén para ofrecer verdadeiras esperanzas e buscar o ben común de toda a humanidade.

• A ciencia axúdanos a entender o como das cousas e os acontecementos, e a avanzar como sociedade e humanidade.

• A fe axúdanos tamén a encontrar respostas ao sentido da vida e de todo o que descubrimos, e ao por que estamos aquí. A fe impulsa a busca de respostas para coñecer mellor a Deus e achegarnos a El.

A fe e a ciencia necesítanse.

O home encontra a Deus detrás de cada porta que a ciencia logra abrir. (Albert Einstein).

Razón. Son os argumentos ou demostracións que utiliza a ciencia para coñecer a verdade.

1. Completa as frases no teu caderno: a) O Papa Bieito XVI afirma que fe... b) A fe impulsa a busca...

2. Escribe unha fábula no teu caderno sobre a relación entre fe e ciencia. Expoñédea en clase.

A dignidade

A dignidade humana é un valor e un dereito innatos a todas as persoas. Isto quere dicir que temos dignidade só polo feito de nacer; non é algo que alguén nos dea ou que consigamos co tempo por medio da riqueza, ou que dependa do lugar de nacemento.

Cada persoa é un ser único e irrepetible, e debe ser respectada na súa singularidade. A dignidade humana é intocable: arrebatar a dignidade a alguén é como sacarlle o corazón. Sen dignidade, a vida non é vida.

Hai situacións que atentan contra a dignidade da persoa como o maltrato, a violencia e a escravitude. É unha responsabilidade cara a un mesmo, cara aos demais e cara á natureza buscar o ben común desde o respecto e a defensa dos dereitos humanos para que todas as persoas vivamos con dignidade.

Para os cristiáns, a dignidade humana ten un plus, un carácter sagrado, porque todas as persoas somos imaxe e semellanza de Deus e San Pablo recórdanos: «Non sabedes que sodes templo de Deus e que o Espírito de Deus habita en vós?» (1 Co 3, 16).

Por todo iso, a vida humana é un don de Deus e debe ser protexida, coidada e respectada.

This article is from: