Revista Pincha 24

Page 17

Gargantua, a litografía de Honoré Daumier

pola gorxa

Para comelo... pero en galego!

CORNETE DE AMORODO Curiosidades

A

petéceche tomar un xeado para combater a calor? Se o queres sobre un barquillo non pidas un ‘cucurucho’. En galego dicimos cornete, un substantivo masculino co que, segundo a Real Academia Galega, tamén designamos o papel enrolado en forma de cono que serve para envasar caramelos, doces, froitos, castañas ou calquera outra cousa que se venda a granel. E que pasaría se pides na xeadaría un cornete de fresa? Pois que terían que meter no seu interior unha ferramenta de aceiro que serve para puír ou furar! Se te refires á froita e pretendes falar correctamente na nosa lingua, tes que dicir amorodo. Tamén son válidas as palabras morote ou morodo (aínda que esta última forma é menos recomendable). Sabes ademais o que é un careixón? Un amorodo silvestre.

ONDE PROBALO? Buscas xeados en Compostela? Telos non só de amorodo senón dunha infinidade de sabores en Xearte Briggite, unha xeadaría artesanal e que emprega produtos cento por cento naturais que conta cun local na Rúa de San Pedro. Entre a súa oferta, destacan os de sabores autóctonos como o de torta de Santiago, licor café ou peregrino.

❖ A orixe dos xeados é incerta, pero parece que todo empezou hai miles de anos cando os chineses mesturaban a neve das montañas con mel e froitas. ❖ O cornete non se utilizaba como recipiente desde os comezos de consumo de xeado. O primeiro cono produciuse en 1896, obra do inmigrante italiano Italo Marchiony, na cidade de Nova York, e foi patentado en 1903. Unha creación similar foi presentada de maneira independente na Feira Mundial de St. Louis de 1904. O creador foi o sirio Ernest Hamwi cando, tratando de axudar ao vendedor de xeados Charles Mences que quedara sen pratos, utilizou unha das súas obleas como recipiente. E foi todo un éxito! ❖ O xeado é máis doce quente que cando está frío, xa que nosas papilas gustativas son moi sensibles á temperatura. Cando máis quente está un alimento, máis intenso é o sinal que lle envía ao cerebro e máis intensidade de sabor percibimos.

E un clásico en Santiago é o carriño La Imperial que sempre atoparás na Porta Faxeira, nunha das entradas da Alameda, co xeadeiro Manolo Prieto á súa fronte. Sen saír da provincia da Coruña, recomendámosche tamén que probes as propostas da cooperativa láctea Bico de Xeado, que recibiu recentemente o selo Galicia Calidade e foi elixida polos usuarios da Guía Repsol como unha das cinco mellores xeaderías de toda España.

Pincha | N 24

| 17 |


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.