a gorida do artista
Por Inés Silvalde de Os Catro Gatos
A escultura de Juan Costa Cepeda, un deleite para os sentidos
U
@oscatrogatos
nha frondosa estrada do concello da Baña é o camiño que temos que percorrer para introducirnos
na
gorida
de
Juan
Costa
Cepeda. Ao chegar ás Bugalleiras, unha porta entreaberta no fondo fainos intuír que, alí dentro, imos atopar o imaxinario que invade o pensamento deste novo artista. Entramos no taller. Sentímonos observados. Un gato negro aparece entre as louzas, camuflándose entre as esculturas que nos miran dende as alturas con xestos de desidia, agonía, esperanza ou burla. Botando un ollo de 360 graos, vemos seccións de corpos, botes repletos de pigmentos, sustancias químicas, esqueletos de aramio… tamén imaxes e recortes nas paredes, así como unha selección de libros polos que seguir as receitas propias
Juan Costa Cepeda, no seu taller. Foto: Delio Sánchez
dun alquimista. O artista descoñecía a fertilidade artística dese terreo anexo á súa casa natal, pero pouco a pouco foise afacendo ao chan de terra pisada mesturada con barro, escaiola e pigmentos. O silencio esmagador da natureza cólase entre os grandes ocos dos muros, sendo testemuña de horas e horas de traballo neses 20 metros cadrados. Juan estuda escultura na escola de artes plásticas e deseño Mestre Mateo. Previamente non se sentira escultor, pero as súas habilidades no debuxo e un interese profundo polo proceso de creación de obras escultóricas de grandes mestres, fíxolle decantarse polo camiño da terceira dimensión. O proceso creativo xorde a partir dun bloque de barro de Buño. As figuras comezan a mostrarse sen previo aviso. Non hai bosquexos, nin ideas concretas, pero si unha serie de sentimentos latentes que vai describindo coas súas dedas sobre o materia térreo. Posteriormente aplica as sustancias que conforman os esmaltes, a modo de “dripping”. No último chanzo entra en xogo o seu principal cómplice: o forno. Persoalmente, sentinme abraiada pola sinxeleza do artefacto: un bidón metálico provisto de la de roca e ladrillo refractario no seu interior, coas correspondentes entradas e saídas de gas. Un ventre máxico que alcanza os 1300 graos e que, tras horas de cocción, Juan está á espera de coñecer e recoñecer o bloque que modelou coas súas mans. A sorpresa é a droga que o engancha aínda que non sempre
sexa exitoso o parto. Aínda así a incerteza cárgao de emoción converténdoo no primeiro espectador do seu propio traballo. Poderíamos describir o traballo de Juan Costa como un deleite para os sentidos, especialmente para o tacto. As mans discorren por volumes que definen os xestos. Cambios de textura e temperatura. Tamén ocos que poden describir as nosas dedas. As pezas de Juan xiran sempre en torno a unha figuración, na que o corpo humano é a escusa para darlle forma ao bloque. Figuras que mostran un concepto particular sobre a beleza ou, dito de outro xeito, da fealdade. Non procura unha definición de xénero, simplemente son sentimentos e expresións que se apropian de formas andróxinas. Figuras que nacen de forma individual, pero en moitas ocasións rematan dialogando entre elas. Cabe destacar tamén a súa faceta como pintor. Nesta disciplina si que podemos observar unha clara evolución, despoxándose dun debuxo e pintura máis pausada e centrada no detalle, decantándose actualmente por un expresionismo matérico. Juan segue a traballar incesantemente. O seu taller é o escenario dunha persoa inqueda e moi prolífica na que o espírito investigador e autodidacta fai que constrúa varias pezas á vez. Estas pezas están percorrendo un camiño cara a abstracción engadindo elementos de simples figuras xeométricas. Ansiosos estamos de seguir coñecendo de preto o traballo deste artista.
Pincha Revista de Gastronomía & Cultura
Pincha Revista de Gastronomía & Cultura
Pincha Revista de Gastronomía & Cultura
Pincha | N 26
| 13 |