Que cambio! Aínda lembro cando a biblioteca era.... iso... un lugar cheo de libros, uns máis interesantes que outros, con máis ou menos debuxos, con mais ou menos follas, pero libros. Os mestres do equipo traballabamos para ter máis exemplares, decorámola para que fose atractiva e organizamos presentacións para animar ao alumnado a visitala e facer dela algo máis que so un lugar onde se prestaban libros. Pasou un tempo e aproveitamos a hora de ler para converter este espazo nun lugar de convivencia, un lugar onde uns alumnos recitaban poemas para outros, contaban contos, compartían experiencias, facían pequenas representacións e incluso amosaban a través dos medios dixitais que fomos incorporando o froito dos traballos que facían na súa aula. Neste momento a biblioteca xa lideraba un Proxecto Documental Integrado (PDI). O noso pasado celta, o camiño inglés ou a auga como fonte de vida, son ou foron obxecto de moitas actividades feitas na propia biblioteca ou ben dirixidas desde ela.
Espazo biblioteca creativa
E queda o último gran paso, ese que este curso fomos capaces de acadar despois dun proxecto desenvolvido con ilusión: unha biblioteca creativa e inclusiva. Pouco a pouco e a base de moito cavilar e buscar ocos onde case non os había, logramos que agora mesmo cos libros de toda a vida, convivan os medios dixitais, unha impresora 3D os escornabots e os M bots. O meu agradecemento como coordinador a todos os que colaboraron e creron que podía ser posible.
E agora toca facer un pouquiño de historia deste curso no que a auga é a protagonista do proxecto documental integrado. Alumnos de sexto ensinaron a o resto de compañeiros a mitoloxía, falando de xanas, xacias, e outros seres que habitan nese medio.
Alumnado de 6º nivel explicando o seu traballo sobre seres mitolóxicos
30