4 minute read
Sandra López (Láncara, Lugo
SANDRA LÓPEZ CRIADORA DA RAZA GALIÑA DE MOS
Advertisement
Sandra López iniciouse na cría de Galiña de Mos no ano 2014 e, desde 2016, non falla á súa cita anual coa Semana Verde, á que se refire como unha plataforma superútil e interesante para darse a coñecer entre os consumidores e, en xeral, entre a poboación galega. A súa explotación, Granxa Aeiroá, atópase no concello lucense de Láncara.
Por que te decantaches pola Galiña de Mos?
No meu caso en particular temos un vínculo importante coa terra polo traballo que fixeron os meus antepasados antes ca min na casa, así que queriamos manter ese nexo e un xeito adecuado de facelo pareceunos que podía ser a través de produto galego. Entón empezamos a buscar por Internet e nas redes sociais e demos con Boaga e coas diferentes razas autóctonas en perigo de extinción e, de entre todas as que hai en Galicia, pareceunos que, para empezar, a que máis nos encaixaba polas instalacións e a extensión que tiñamos era a Galiña de Mos.
Cando puxeches en marcha a explotación?
Empezamos a criar animais ao redor do ano 2014 e, a día de hoxe, andamos sobre as cen galiñas, cincuenta para reprodución, para poder seguir criando, e cincuenta para a venda de ovo, que hai moita demanda porque é un produto moi valorado gastronomicamente. Ademais, estamos cebando ao redor de douscentos ou douscentos cincuenta animais ao ano para a venda de carne.
Como é a cría destes animais?
Eu creo que o concepto actual de slow food é o que mellor define o traballo que nós facemos. Son animais que, para poder comercializar a súa carne, requiren moito tempo cunha alimentación natural, estar sempre fóra e dispoñer de grandes espazos, se é posible con verde. No noso caso plantamos horta para darlles a eles, tanto verza como hortalizas e, se hai excendente de tomate ou algo así tamén llelo damos; ademais botamos un pouco de trigo e, en definitiva, baseámonos nunha alimentación totalmente natural, en telos en extensivo e en crialos moi lentamente e con moito agarimo.
Pero agora non só tedes galiñas…
Efectivamente. Agora estamos empezando a meter algo de Ovella Galega por diversificar un pouco as razas coas que
traballamos. Nós non é que teñamos unha gran produción en canto a número de animais, senón que intentamos apostar un pouquiño máis pola calidade e polo agarimo que lle poñemos ao traballo que facemos.
Compaxinas esta actividade con algunha outra?
Eu son profesora e teño unha pequena academia no rural, entón compaxino a actividade docente coas pitiñas. A min isto encántame! Oxalá puidese dedicarme a isto en exclusiva porque me apaixona. Gústame moitísimo tanto o traballo no campo cos animais coma este tipo de plataformas como na que estamos agora, onde facemos un pouco de piña co resto dos compañeiros de diversas razas autóctonas para comercializar, para darnos a coñecer e para explicarlle un pouco á xente que, aínda que temos una produción pequeniña, nós tamén estamos aquí facendo algo que é moi guay e que está moi rico, que paga a pena probalo!
Canto tempo levas vindo á Semana Verde?
Creo que o primeiro ano que vin foi o 2016 e propuxéronmo desde a asociación de criadores. Eu levaba dous ou tres anos criando Galiña de Mos, pero dun modo máis humilde, así que dalgún xeito necesitaba un pequeno impulso para poder comercializar máis; entón os técnicos recomendáronme esta plataforma, na que participamos todos xuntos e na que todos empurramos polos mesmos intereses. Creouse o logotipo 100% Raza Autóctona, que tamén nos axuda tanto individual como conxuntamente a comercializar mellor os nosos produtos, e aí foi onde empecei a vir. Dados os resultados do primeiro ano, que foron moi bos, repetimos todos os seguintes.
Con que expectativas acodes esta vez?
O primeiro que traio, e non falo só por min senón por todos os meus compañeiros, son moitas ganas. Xa nos apetecía vernos, ver a xente, un pouco volver a este ritmo que tanto necesitabamos para saír do bucle da covid-19, que nos ten aterrados e quietiños nas casas. En xeral, as miñas perspectivas son as mesmas de cada ano: facer promoción, darnos a coñecer, ver a xente e ver o feedback que ten co noso produto. Eu considero que vai ser unha plataforma moi boa para que a xente saiba como facemos o traballo que facemos e que nos vai axudar a retomar un pouco o camiño da normalidade que tanto estamos desexando todos recuperar.
Á parte da presenza neste tipo de feiras, realizas alguna outra acción de promoción dos teus produtos?
Ademais de participar noutras feiras de alimentación á parte de Salimat, tamén facemos promoción en feiras con animais vivos para a venda para vida. Así mesmo, traballamos con algún pequeno negocio da nosa zona cos que facemos sinerxía, pois eles dannos publicidade a nós e nós a eles, e logo fago repartición de tarxetas, temos redes sociais e pouco máis.