5 minute read
Forescelta: xestión de precisión en extensivo de gando porcino do tronco celta en bosques caducifolios iberoatlánticos
INVESTIGACIÓN E INNOVACIÓN NA RAZA PORCO CELTA G.O. FORESCELTA: XESTIÓN DE PRECISIÓN EN EXTENSIVO DE GANDO PORCINO DO TRONCO CELTA EN BOSQUES CADUCIFOLIOS IBEROATLÁNTICOS
A Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta (Asoporcel) forma parte do Grupo Operativo Forescelta, un proxecto supraautonómico destinado á execución de estudos innovadores no manexo das razas porcinas de tronco celta en Galicia e Asturias en condicións de manexo extensivo mediante o uso de sistemas automatizados e dixitalizados. Fomentar prácticas sostibles e respectuosas co medio ambiente dentro dos sectores agrícola e forestal, levando a cabo actividades que mitiguen o cambio climático, é o obxectivo central da iniciativa.
O pastoreo de gando nos montes é unha práctica ancestral, que inclúe ao gando porcino e foi especialmente importante na zona iberoatlántica. A diminución de efectivos dende a década dos 50 foi menor no caso do tronco mediterráneo (que ocupa a metade oeste e sur da península ibérica), favorecendo a conservación en réxime extensivo ou semiextensivo dun número significativo de individuos debido á importancia económica dos produtos que se obteñen destes. Neste senso, hai numerosos estudos do tronco mediterráneo, o seu medio forestal, as devesas e as relacións entre eles, onde se tratan múltiples aspectos do medio ambiente, do manexo do gando, da produción e da calidade de carne.
Pola súa parte, sobre os ecosistemas caducifolios atlánticos existen traballos que tratan sobre diversos aspectos destes, como chans forestais, a autoecoloxía do carballo e do castiñeiro, a silvicultura e a produción forestal, a composición florística e a produtividade do sotobosque en masas naturais… pero os estudos sobre o efecto do pastoreo de porcos neste tipo de ecosistemas son escasos e, ademais, os poucos traballos que hai son sobre animais criados en réxime intensivo ou semiextensivo e con alimentación ad líbitum.
AS POSIBILIDADES DE CRÍA DO PORCO DE TRONCO CELTA, UN CAMIÑO PARA EXPLORAR
En Galicia e Asturias, o número de explotacións de porco do tronco celta está a aumentar, pero existe un notable descoñecemento das posibilidades destes sistemas silvopastorís e das relacións destes
coa calidade das súas carnes. Dentro deste campo, atópase a procura de sistemas que permitan unha xestión tecnolóxica das piaras, diminuíndo o tempo necesario que o gandeiro dedica ao seu control e á súa alimentación, á vez que se destina terreo forestal a estes fins, o que favorece a calidade do produto final. Ademais, a redución do impacto ambiental é buscada con maior afán.
Na actualidade, a mellora dos sistemas de seguimento, alimentación e control dos animais pode permitir subministración de penso individualizado a cada porco, un incremento da produción, animais con peso máis homoxéneo e un maior rendemento por parte do gandeiro, que necesitaría destinar menos tempo a eses traballos e podería dedicar o resto da xornada a outras actividades da explotación. Iso suporía a posibilidade dunha redución de custos, a través do control da inxestión que permitiría un aproveitamento maior do penso, un incremento no ingreso por explotación e unha maior e continua oferta de produtos no mercado, que, xunto a outros produtores, podería xerar un incremento do valor do produto final.
PRODUTOS DE CALIDADE DIFERENCIADA
O presente proxecto supraautonómico entre Galicia e Asturias coas razas Porco Celta e Gochu Asturcelta propón o estudo de sistemas silvopastorís de frondosas para lograr produtos de calidade diferenciada mediante o emprego de recursos propios que permitan prácticas sostibles e respectuosas co medio ambiente dentro dos sectores agrícola e forestal, levando a cabo actividades que mitiguen o cambio climático.
Esta proposta pretende incrementar o aproveitamento mixto dos recursos do medio forestal que polo abandono rural están a ser ocupados por comunidades arbustivas que dificultan a súa explotación e reducen a accesibilidade aos montes. Un novo sistema de alimentación e control automático dos porcos facilitará os traballos do gandeiro e permitirá mellorar a calidade e homoxeneidade dos animais, á vez que permite regular a alimentación.
En definitiva, a proposta deste grupo operativo favorecerá o uso múltiple do territorio, o desenvolvemento rural e o aproveitamento da outonada e da madeira como técnica de defensa e prevención de incendios forestais (un problema especialmente grave en Galicia). Así mesmo, tamén busca lograr un produto final máis homoxéneo e de alta calidade sensorial e organoléptica para consumo nacional e para a exportación, combinado cunha axeitada conservación do medio e coa contribución á loita contra o cambio climático a través da creación de explotacións con menores residuos contaminantes e menor consumo enerxético de produtos derivados do petróleo.
ASOPORCEL SELECCIONARÁ OS ANIMAIS DA RAZA PORCO CELTA PARA O ESTUDO EN GALICIA E OFRECERALLES ASESORAMENTO TÉCNICO ÁS GANDERÍAS PARTICIPANTES
O EQUIPO DE TRABALLO
O Grupo Operativo Supraautonómico Forescelta está formado por 8 membros: a Asociación para o Desenvolvemento do Territorio Interrexional (InterEo), a Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), o Servizo Rexional de Investigación e Desenvolvemento Agroalimentario (Serida), o Centro Tecnolóxico da Carne (CTC), a Asociación de Criadores de Gochu Asturcelta (ACGA), a Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta (Asoporcel), a Asociación de Propietarios Forestais do Occidente de Asturias (Asforocas) e o Monte Veciñal en Man Común “O Carballo”. Todos os seus membros colaborarán na difusión dos resultados do grupo e, de xeito individual, asumirán as seguintes funcións: • InterEo encargarase da coordinación e difusión dos resultados entre propietarios individuais, asociacións de propietarios (Sofor) e comunidades de montes interesadas na súa implantación dentro do territorio. • A Agacal coordinará e realizará os controis de produción de froitos do bosque e vexetación na explotación de Galicia. • O Serida farase cargo dos aspectos de deseño e execución do proxecto en cooperación co resto das entidades participantes. • O CTC será o encargado de analizar a calidade físico-química, nutricional e organoléptica dos canais de Gochu Asturcelta e de Porco Celta. • ACGA realizará os controis de produción de froitos do bosque en Asturias e facilitará a selección de animais de Gochu Asturcelta para o estudo dos sistemas silvopastorís nas explotacións asturianas. • Asoporcel estará a cargo da selección de animais da raza Porco Celta para o estudo dos sistemas silvopastorís nas explotacións de Galicia, ademais de levar a cabo o asesoramento técnico (desenvolvemento e execución do programa sanitario e control e seguimento na cría dos animais) para a implantación das ganderías participantes. • Asforocas colaborará xunto co resto de entidades, principalmente Intereo, na selección das explotacións de Asturias para o estudo de sistemas silvopastorís en bosques caducifolios con porcino Gochu Asturcelta. • O MVMC “O Carballo” seleccionará, xunto co resto de entidades, principalmente
InterEo, as explotacións de Galicia para o estudo de sistemas silvopastorís en bosques caducifolios con porcino Porco Celta.