4 minute read
Mario Rouco (Muras, Lugo
MARIO ROUCO CRIADOR E COMERCIALIZADOR DA RAZA PORCO CELTA A TRAVÉS DE CÉLTICO
Advertisement
En plena pandemia botou a andar Céltico, a empresa coa que o criador de Porco Celta Mario Rouco (Muras, Lugo) comezou a comercializar os seus produtos da raza. Malia a paralización do país nos primeiros meses, a aposta de Rouco foi un éxito e, menos de dous anos despois, xa pensa en ampliar o volume de produción para poder facer fronte á demanda cada vez maior dos consumidores. Así nolo contou nun encontro no seu stand do Salimat 2021.
Dende cando traballades coa raza Porco Celta?
Empezamos como produtores de Porco Celta hai 5 anos. Despois vimos que podiamos pechar o ciclo e animámonos tamén coa comercialización.
De cantos animais dispoñedes?
Agora mesmo oscilamos entre os 40 e os 50 animais. Témolos divididos en lotes por idades (3 meses, 6 meses e 9 meses).
E dende cando comercializades?
Empezamos coa pandemia, no mesmo trimestre: da covid empezouse a falar en febreiro e nós comezamos en xaneiro do mesmo ano.
Con que tipo de clientes traballades?
Dirixímonos fundamentalmente a tendas gourmet e a pequenos operadores e distribuidores, e vainos ben, dentro do nivel de demanda que ten a raza.
En que zonas estades vendendo?
Fixemos unha análise previa do mercado, sobre todo pola zona onde producimos, para que nos quedase preto por loxística e, en función diso, comezamos a traballar en distintos municipios, cada un deles cunha tenda, para ter unha persoa de man que vendese os nosos produtos en distintas áreas. A partir de aí fomos ampliando, fomos facendo unha roseta, ata que chegamos ás grandes cidades. Aí temos un pequeno problema de loxística e temos que meter pequenos distribuidores, xogar doutra maneira.
Criades ou comercializades algunha outra raza?
Tempo despois de empezar co Porco Celta interesámonos tamén polo labor que facía Puraga coa raza Cabalo Galego. Tiñamos excedente da parte máis graxa do porco
e agora estámolo aproveitando para facer un salchichón que é 80 % poldro de Cabalo Galego e 20 % porco.
Ten boa acollida este produto?
Botou un tempo estancado, pero agora estanos funcionando bastante ben, sobre todo en vendas arredor do Camiño de Santiago. Vemos que o merca xente que ten moito aprecio polos equinos (cataláns, italianos...) e que chega aquí fundamentalmente polo Camiño.
Que perspectivas tedes a medio prazo?
A nosa intención é seguir medrando e, para poder facelo, estamos intentando traballar dende a base, é dicir, con produtores. Estamos estudando que capacidade teremos para os próximos meses en función da marxe que teñen eles para provernos de animais e dos que temos nós en propiedade, e parécenos que os números van cadrando, polo menos atendendo ao volume de vendas que temos a día de hoxe. Iso é o que nos permite pensar en ampliar un pouquiño máis, pero tamén é certo que é algo que imos vendo mes a mes, porque hai factores que non podemos controlar. Imaxina que viñese agora unha nova vaga da pandemia... Iso volveríanos paralizar.
Botastes a andar nunha época complicada… Que valoración facedes do negocio neste tempo?
Agora mesmo, segundo os datos que temos enriba da mesa, coa demanda que temos vemos que non imos ter porcos suficientes para cubrir toda a demanda da campaña de Nadal. Iso xa o di todo. Imos cunha tendencia cara arriba e esperamos que a xente nova se anime a montar explotacións para que a raza poida seguir medrando.
Que problemas vedes detrás da falta de incorporación de máis gandeiros? Aí temos a problemática da burocracia, non só para montar unha granxa, senón tamén para outra serie de cousas. Penso que aínda hai algunhas limitacións que nos impiden ser todo o competitivos que poderiamos.
E cres que o estilo de vida rural ten dificultades para atraer os máis novos?
Agora mesmo eu diría que é máis por temas burocráticos que non por vivir no rural en si, porque a pandemia atraeu moita xente a este mundo, pero é que para vivir aquí calquera persoa quere ter un valor engadido e facilidades, non trabas.
Estivestes presentes na Semana Verde de Galicia 2021. Era a vosa primeira vez con stand, verdade?
Xusto. Era a primeira, porque ao comezar ao tempo da pandemia aínda non tiveramos ocasión de participar neste tipo de eventos e, máis que para a venda directa en si, gustounos a experiencia para coñecer o ambiente e estudar posibles novas vías de comercialización.
Logo a intención é seguir estando presentes neste tipo de eventos?
Sempre que poidamos e nos conviden, a nós ídesnos atopar en calquera feira a partir de agora –e a moitos compañeiros das autóctonas, tamén– porque é unha base importante para darse a coñecer, máis aínda para pequenas empresas como a nosa.
A afluencia de público foi boa?
Foi mellor do agardado, a verdade. Así e todo, gustaríanos seguir animando os consumidores a que retomen a volta a este tipo de eventos, porque se están celebrando con seguridade para todos e creo que non hai motivos para vir con medo. Nós estaremos encantados de recibilos.