10 minute read

Mario Nogueira e Ana Gómez (O Barco de Valdeorras, Ourense

ANA MARÍA GÓMEZ E MARIO NOGUEIRA CRIADORES DA RAZA CACHENA

“UNHA DAS RAZÓNS POLA QUE CRÍO A CACHENA É PORQUE TEÑO UNHA CARNICERÍA. É UN PRODUTO BASTANTE EXCLUSIVO”

Mario Nogueira é un amante das razas autóctonas e desde hai tres anos, xunto á súa muller, Ana, e agora co seu fillo Raúl, decidiu comezar coa cría da raza Cachena. A súa explotación divídese entre as provincias de Lugo e Ourense, posto que unha das explotacións está en Petín e os terreos onde pastan as vacas están en Quiroga. Ademais, contan con carnicería propia no Barco de Valdeorras desde hai vinte anos.

Por que decidistes apostar pola Cachena?

ANA: Porque é unha raza escrava para estar no monte e a nós interésanos iso, xa que na casa non temos sitio para ter moitos animais. Ademais, na carnicería, a súa carne ten moita demanda porque é moi saborosa. MARIO: Empezamos hai tres anos; primeiro, porque é unha vaca que me gusta de maneira visual e segundo, pola rusticidade de onde foi criada. Véxoa diferente ao resto. Ademais, somos a única carnicería da zona que vendemos este tipo de carne e iso é un atractivo para a xente, xa que está moi demandada.

Como é o manexo destes animais?

A: Están todo o ano no monte e comen do que hai por alí, agás dous meses no inverno, que son máis duros e dámoslles palla e herba nun cerrado que temos preparado cun comedeiro. Tamén de vez en cando pasamos a darlles uns tacos de penso, pero iso máis ben é porque queremos, xa que no monte teñen moito para comer. Cando hai vacas para parir controlámolas por se hai algún problema e as temos que baixar para a casa.

Cal é a idade de sacrificio dos animais?

A: Ao redor dos sete meses. É unha raza pequena, entón non os podes matar aos cinco meses como outros becerros de leite porque non dan rendemento. Nós, aos cinco meses, máis ou menos, baixamos as crías para unha cuadra e facemos dous meses de engorde a base de cereais (trigo, cebada, millo...), herba e algo de penso.

Por que apostastes por abrir a carnicería?

M: Eu son fillo de carniceiros, toda a miña familia vive diso. Desde que morreu meu pai, nos anos 90, empecei a traballar neste oficio e xa no 2000 me puxen como autónomo da miña propia carnicería. Estiven noutras localizacións e nesta que temos agora levamos uns catro anos.

Tendo a carnicería da vosa propiedade, que vantaxes ofrece a venda directa?

M: Unha das razóns pola que crío a Cachena é porque teño unha carnicería. É un produto bastante exclusivo e que ten unha alta demanda. Temos clientela de toda a comarca e incluso de fóra. A venda directa desta carne para a carnicería é un valor engadido, xa que é un produto de moita calidade que non ten un mercado saturado e para a gandería, o feito de que non haxa intermediarios, é unha vantaxe. Todo o que producimos vendémolo aquí, agás algún lote que despachamos para vida por toda España. Unha vez que chegue ao número de cabezas que quero, xa empezarei a comercializar algunha máis.

Ademais da Cachena, tedes outras razas autóctonas á venda?

M: Eu sempre apoiei as razas autóctonas; de feito, tiven Limiá e Vianesa. Á parte diso, son un pouco especialista das razas autóctonas do norte de Portugal, de razas como a Barrosa, a Mirandesa ou a Miñota. Vendo animais dese tipo para vida por toda España e na carnicería tamén teño; hoxe mesmo hai Mirandesa. Tamén temos algo de Porco Celta na época de matanzas; comprámoslle a Atilano, un produtor da zona. Vendemos produtos frescos e curados tamén.

Isto quere dicir que xa traballaches con outras razas autóctonas...

M: Eu empecei a miña gandería no mundo dos bois, vendín moitos para o País Vasco para o arrastre de pedras, sobre todo da raza Vianesa. Cando arrinquei con isto, ninguén quería saber dos bois, porque consideraban que non eran rendibles. Empecei con bois de traballo, que agora aínda teño, e despois veu o boom dos bois de carne. Unha vez que te coñecen, todo é máis fácil e ese foi o meu caso, gañei un nome en canto á venda destes animais e outras razas e xa me chamaban para obter a mercancía.

O consumidor aprecia que teñades o selo 100% Raza Autóctona?

M: Eu creo que si. Somos operadores desde hai dous anos e isto, de cara á clientela, sérvenos para certificar que temos produtos de calidade.

Como valorades o traballo de Boaga?

M: O traballo de Boaga hai anos que está feito. A xente recoñece as razas autóctonas grazas ao seu labor. Detrás do selo que nos dan aos operadores hai un traballo de anos; non é só un selo, é moito máis. Chegar a vender un produto destes no mercado ten un escaparate máis limitado que outros e aínda así abrimos camiño grazas a eles. Por exemplo, na miña comarca non hai ningunha carnicería que teña o selo nin que ofreza eses produtos. Están facendo un traballo ben feito e continuo por nós.

Ademais do traballo que realiza Boaga para a difusión, que promoción facedes vós?

M: Levo xa anos utilizando as redes sociais e a través delas chego a toda España. Asistimos a moitas feiras e eventos e agora procuro darlle visibilidade á raza. Estou criando animais para poder ensinar alá a onde vou. Tamén estamos no catálogo de Fauna y Acción e por iso os meus animais chegaron a participar nun anuncio de Gucci ou na serie inglesa Doctor Who. Este catálogo ofrécelles ás produtoras que están buscando animais para os seus traballos unha listaxe e eles seleccionan os que encaixan no seu proxecto. Eu entrei pola beleza dos animais que teño.

Como repartides as tarefas entre a carnicería e a explotación?

M: Pois non tendo días libres, nin sábados nin domingos. Principalmente eu estou aquí (na carnicería) polas mañás e polas tardes na gandería. Agora contamos coa axuda do meu fillo e dalgún amigo que tamén lle gusta isto e imos tirando así. Na explotación, na primavera, se non vas un día non pasa nada. Ademais, téñoas controladas por GPS para saber por onde andan.

Hai un ano tivestes un problema serio co lobo. Cal é a solución que atopastes?

A: Faltáronnos uns trinta becerros e chegamos a pensar en desfacernos da gandería porque non había maneira de solucionalo, pero demos cuns mastíns e a verdade é que nos deron moi bos resultados. Desde que os temos, non faltou ningún. M: Eu xa me vía aburrido, porque cada vez que paría unha vaca, desaparecía a cría, ademais os lobos non deixan nin os restos. As vacas paren, danlle de mamar e xa a deixan para que se defenda ela soa. Se tes un centenar de vacas, non podes estar todos os días mirando e apartándoas, aínda así fíxeno e tratei de encerrar os becerros e abrirlles para que fosen onde as nais mamar, pero non medraban do mesmo xeito. Fun a León e un rapaz vendeume tres cans adultos, logo trouxen outra cadela tamén adulta. Solteinos e ata hoxe. Tiven a sorte de atopalos así, porque un can que estea preparado así non se consegue en dous días. Se os tivese que criar e domesticar para estar no monte levaríame uns dous anos e eu non daría soportado a explotación con este problema. Eu tiña moitas dúbidas cos cans, porque o monte é moi grande e as vacas están en varios lotes polo monte, pero é incrible o traballo que fan, xa que non paran. Agora estou criando para a xente que os queira, posto que para nós foi unha solución moi boa. Sabemos que aínda segue habendo unha manda pola zona, pero polo momento non nos faltou ningún, ou iso cremos.

Á parte de todo isto, tamén amestrades bois. Como xestionades isto?

M: Toda a miña familia amestrou bois e eu crieime con iso. Cando empecei hai vinte anos, meu tío díxome que estaba tolo, que xa ninguén tiña bois, mais hoxe resulta que ata me chamaron dunha escola agraria de Cataluña para que lles fose dar un curso de manexo de animais. É algo que cada vez está máis demandado para todo tipo de eventos e ata traballos. Eu sempre digo que o futuro está no pasado, xa que agora volven moitas cousas e unha delas é isto. Agora chámanme de moitos sitios. A: Eu metinme neste tema por axudarlle a Mario. Eu non me criei entre animais, só cando estaba con miña avoa, pero cando empezamos o proxecto aprendín para poder botarlle unha man. Ao principio ía aos actos el só cunha parella, pero empezaron a demandarlle máis, entón precisaba máis xente e así empecei. Cada vez están máis demandados. Agora fanse moitas cousas, xa non só festas, que tamén aumentaron, senón desfiles doutro tipo. Está claro que na pandemia tivemos un parón neste eido, porque non había ningún tipo de evento e os animais seguían comendo, pero agora xa estamos volvendo a recuperar a normalidade pouco a pouco.

Dedicádeslle moito tempo?

A: Menos do que deberiamos. Antes un animal estaba todo o día en mans dos gandeiros e xa se amansaba só. Agora tes que coller un tempo para iso. Hai que dicir que o proceso de amestralos é o cariño, iso é fundamental. Hai moitos animais que por moito que o intentes e tempo que lle dediques non valen para isto. Teñen que ser animais tranquilos para que non che dean unha sorpresa, para iso tamén é preciso acariñalos a diario e canto máis, mellor. M: Cos bois, como con calquera outro animal, o período de ensinanza é ao principio e, cando empezas, ten que ser continuo, é dicir, non podes ir un día dúas horas e volver á seguinte semana. É preferible que vaias todos os días unha media hora; unha vez que os tes domados, xa está.

Considerades que son rendibles estes negocios?

M: A carnicería si, é do que vivimos. A explotación, por circunstancias, non teño as axudas principais e estame custando un pouco. Eu vou tratar de seguir, porque o meu obxectivo é que sexa rendible sen as axudas, pero telas sería un respiro. Nós estamos nunha zona con moito problema de incendios, que estaba totalmente abandonada, e creo que o labor que fan as vacas está pouco valorado. No meu caso todo son problemas e trabas, ao igual que para moitos gandeiros. Eu levo toda a vida nisto e é o que me gusta, a miña vocación é ser gandeiro e por iso sigo loitando. Sendo realista, non tería vacas, pero non quero renderme.

As axudas, no voso caso, serían poder respirar máis tranquilos...

M: Si, iso está claro. Na zona na que estamos parece que todo son problemas. As subvencións deberían ser para quen fai un labor, é dicir, teño 500 ha e preto de 100 vacas que viven e comen alí, poderíase dicir que en ecolóxico, xa que lle achego algo de comida, pero o resto aliméntanse do que hai no monte. Que máis xustificación queren para a PAC? Deberían facer os trámites máis reais. Eu estou no límite entre dúas provincias e teño dúas instalacións que están a uns dez quilómetros unha da outra, pois tamén teño trabas para dar de alta unha nova instalación. Eu quería ter a mesma explotación con dúas localizacións, se estivesen no mesmo municipio non tería nada que facer, pero así non podo.

Gustaríavos que os vosos fillos seguisen nisto?

M: Ambos foron criados nisto. No tema dos bois teñen unha vantaxe, que non hai moita xente que o faga. Nese eido van ter máis facilidades para poder seguir mantendo esa tradición activa. Teño un fillo que está para incorporarse e o primeiro que precisa para seguir nisto é unha estabilidade territorial. Vendo os intereses que hai nisto, dá medo. Ti ves un monte abandonado que non vale para nada, pero, de repente, todo son intereses. Poño un exemplo: alguén ve que un señor está cobrando unha subvención case sen facer nada, pois ao final métese no negocio por conseguir a subvención, ve que precisa terreo e métese na túa zona e aí xa tes un problema. No noso sistema de traballo o futuro non é fácil.

“ESTAMOS NUNHA ZONA CON MOITO PROBLEMA DE INCENDIOS, QUE ESTABA TOTALMENTE ABANDONADA, E CREO QUE O LABOR QUE FAN AS VACAS ESTÁ POUCO VALORADO”

This article is from: