5 minute read
Rubén Jordedo (Vila de Cruces, Pontevedra
RUBÉN JORDEDO CRIADOR DA RAZA GALIÑA DE MOS
Advertisement
No lugar de Penagudín, en Vila de Cruces (Pontevedra), atópase a explotación de Galiña de Mos Granxa Pitagudín, da que se ocupa Rubén Jordedo, un mozo amante das razas autóctonas e de todo o que teña que ver con Galicia e co mantemento do noso medio rural e as nosas tradicións.
Por que te decantaches por esta raza?
Eu xa levaba anos criando pitas e, ademais, na miña casa sempre houbo algunha Galiña de Mos que tiñan os meus avós. Un día decidín aumentar a cantidade, porque eu estou comprometido cos animais autóctonos, cos produtos autóctonos e con todo o que teña que ver coa nosa terra e cos nosos costumes. Son moi teimudo niso e sempre vou tirar nesa liña; de feito, hai quen me di que a Galiña de Mos pon menos, pero a min dáme igual, porque os ovos son de mellor calidade.
Canto tempo levas con esta actividade?
Empecei xusto antes do inicio da pandemia, así que haberá dous anos, máis ou menos. Eu traballo nunha fábrica de queixos, pero na miña casa, ata hai uns anos, sempre houbo vacas e eu vía fincas arredor que estaban sen traballar e polas que incluso había que pagar para mantelas. Foi a raíz diso que decidín poñerme coas galiñas, facer aquí a granxa e adecuar unhas parcelas para dedicalas a esta actividade.
Como é a cría destes animais?
A cría iníciase coa incubación do ovo, é dicir, as galiñas poñen os ovos e nós incubámolos ata o nacemento dos pitiños; logo alimentámolos con millo que cultivamos na propia finca e, se non nos chega, mercámosllelo aquí a uns veciños que sabemos que o botan da mesma forma ca nós. Ademais, a miña nai traballa nunha panadería e dámoslles pan que trae ela, así como restos de queixo que traio eu, e basicamente esa é a súa alimentación. Na época de posta si que lles suplementamos con algo de penso, pero a alimentación
está baseada no que nós plantamos e tentamos que sexa o máis natural posible. As nosas galiñas están en total liberdade, abrímoslles á mañá e á noite van para dentro cando elas queren. Están ás súas anchas. Témolas divididas en tres grupos: o de reprodutoras, o de poñedoras e o de crecemento. Dispoñemos de 6.000 metros cadrados de superficie e cada grupo está nunha zona. Á súa vez, cada unha desas zonas está dividida en tres tramos para que as pitas vaian rotando e teñan verde todo o ano e bichiños dos que alimentarse.
Que produtos comercializades?
Nós comercializamos basicamente ovos. Si que sae algún galo de cando en vez, pero o que máis traballamos é a venda de ovos. Nesta época final do ano, que baixa a posta, sacamos unha media de cincuenta-sesenta ducias semanais e o resto do ano andaremos sobre as cen ducias á semana, aproximadamente.
Como facedes a comercialización?
Vendémoslles directamente a clientes particulares e tamén colaboramos con restaurantes da zona e con tendas gourmet do Deza, da Coruña e de Narón. A nós gústanos traballar sen intermediarios, porque así sempre temos o feedback do consumidor, e tanto lles levamos nós os ovos á casa como veñen eles á granxa buscalos.
Cal é o perfil dos vosos clientes?
Son clientes que valoran que sexa un produto autóctono e que se decantan máis pola calidade que pola cantidade. Cómpre destacar que a xente que proba os nosos produtos sempre repite e iso é algo que se agradece.
Axuda en algo o logotipo 100% Raza Autóctona?
Claro que axuda, é moi importante. Que un produto teña o logotipo 100% Raza
Autóctona é unha garantía de calidade alimentaria, pero non só iso senón que con este selo se está apoiando un traballo de recuperación duns costumes e de todo o que implica o rural e as nosas razas. Os consumidores valoran cada vez máis este logo distintivo do noso, o que todos deberiamos apoiar, porque detrás deste selo atopámonos pequenos produtores que penso que estamos a facer un labor importante na defensa e mantemento do noso medio rural.
A deste ano foi a túa primeira vez na Semana Verde. Como resultou a experiencia?
Moi boa. É unha feira que, para darlles visibilidade ás razas e aos seus produtos, está moi ben, así que oxalá se siga facendo moitos anos máis e, sobre todo, con tanta afluencia de xente.
Que che parece a iniciativa Tapirazas?
Paréceme marabillosa, pois é un xeito moi bo de dar a coñecer os alimentos das nosas razas, alimentos cen por cen galegos. Que veña xente dicindo que probou o ovo de Galiña de Mos en Tapirazas e lle gustou moito e que logo cho veñan pedir a ti, significa que é un traballo moi ben feito.
Botades man dalgunha outra ferramenta para darlles visibilidade aos vosos produtos?
Estamos na asociación Slow Food Compostela, que digamos que funciona de intermediaria entre pequenos produtores e establecementos de restauración e nos leva a feiras e a eventos que organizan en colaboración coa Xunta de Galicia. Nós estamos indo máis que nada aprender e coller ideas, pois estamos empezando e tampouco temos un obxectivo fixo. Tamén temos Facebook e Instagram, onde mostramos o noso traballo e os nosos produtos.
É rendible este negocio?
Oxalá puidésemos vivir disto, pero ata o de agora témolo por afección e, se se pode sacar para manter as instalacións e algo máis a maiores, pois caralludo! Para vivir non dá, pero serve como difusión das nosas razas e da nosa cultura.
Que valoración fas do traballo de Avimós e de Boaga?
Para nós foi fundamental meternos na asociación; de feito, se non contactásemos con eles hoxe seguramente non teriamos os animais que temos, así que estamos encantados. O apoio de Diego é esencial, sempre está pendente de todo, está dispoñible a calquera hora e respóndeche calquera dúbida, é unha marabilla.