25 minute read
Explotacións gandeiras e comercialización de carnes
Nun contexto global no que os consumidores se mostran cada vez máis sensibilizados coas condicións de cría e sacrificio dos animais dos que procede a carne que consomen, neste artigo repasamos as esixencias da normativa respecto da comercialización de carnes desde as explotacións gandeiras ata o consumidor final.
Agustín Álvarez Álvarez1 e Ricardo Ignacio Vecillas Rojo2 1Director técnico de Industrias Agroalimentarias 2Xefe de Zona dos Sevizos Veterinarios de Saúde Pública da Zona de Ourense
INTRODUCIÓN
O Regulamento 178/2002 define a produción primaria como “a produción, cría ou cultivo de produtos primarios, con inclusión da colleita, o muxido e a cría de animais de abasto previa ao seu sacrificio. Abarca tamén a caza e a pesca e a recolección de produtos silvestres”.
O Regulamento 852/2004 de 29 de abril de 2004 relativo á hixiene dos produtos alimenticios, define as operacións conexas á produción primaria como: • O transporte, o almacenamento e a manipulación de produtos primarios no lugar de produción, sempre que non se altere a súa natureza de maneira substancial. • O transporte de animais vivos, cando sexa necesario para conseguir os obxectivos do presente Regulamento. • No caso de produtos de orixe vexetal, produtos da pesca e animais de caza silvestre, as operacións de transporte de produtos primarios cuxa natureza non se alterase de maneira substancial, desde o lugar de produción ata un establecemento.
Nos regulamentos de hixiene establécen- se claras diferenzas entre os requisitos que deben cumprir os operadores que realicen a súa actividade na produción primaria e determinadas operacións conexas e os que a desempeñen nas fases posteriores.
A preocupación polos alimentos que se consomen incrementouse de modo exponencial nos últimos anos. As demandas actuais máis solicitadas polos consumidores están na liña de que os alimentos sexan sans e seguros, pero tamén teñen unha especial consideración as condicións baixo as que estes alimentos se produciron, de forma que as prácticas de produción de alimentos de orixe animal ofrezan e garantan unha adecuada protección dos animais.
Estamos a falar, pois, do benestar animal, que está garantido e ordenado pola Unión Europea mellorando a formación dos gandeiros e veterinarios na manipulación correcta dos animais, a prevención de enfermidades e o sacrificio humanitario orientado a minimizar o seu sufrimento e, ao mesmo tempo, proporcionándolles información clara e precisa aos consumidores.
Na Unión Europea, ao benestar animal dáselle unha grande importancia na produción primaria, fundamentando a súa normativa sobre a cría, o manexo e o sacrificio dos animais, non só en garantir a seguridade alimentaria, senón tamén para garantir que esta produción se realice co mínimo sufrimento para os animais.
O Decreto 125/2014, do 4 de setembro, regula en Galicia a venda directa dos produtos primarios desde as explotacións ata a persoa consumidora final.
O obxecto desta norma é regular a venda directa de produtos primarios polos/as produtores/as á persoa consumidora final ou a establecementos de comercio polo miúdo para o abastecemento ao/á consumidor/a final.
Este decreto ten tamén por obxecto crear no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga) unha sección destinada á inscrición de explotacións acollidas ao réxime de venda directa (SEVEDI).
Esta norma é de aplicación a todas as explotacións agropecuarias con actividade inscritas no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga) que producen alimentos destinados ao consumo humano.
A actividade de venda regulada neste decreto cínguese exclusivamente ao ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia e define “produto primario” como aquel procedente da produción primaria da terra e da gandería, excluída a caza, con destino á alimentación humana, incluídos os cogomelos silvestres.
Neste texto soamente se regulan os seguintes produtos primarios: mel, pole, propóleo, xelea real, ovos, amorodos, kiwis e outras froitas, hortalizas, legumes, patacas, cogomelos e cereais, pero este decreto non inclúe os produtos de orixe animal procedentes da produción primaria.
No Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras (REGA) inscríbense todas aquelas explotacións onde existen animais de produción.
Os responsables dunha explotación gandeira de ungulados autorizada e inscrita no REGA, despois do sacrificio dos seus animais nun matadoiro autorizado para poder eles comercializar a carne dos seus animais en España, deberán inscribirse na actividade de “Distribuidor de Carne de Ungulados” no Rexistro Xeral Sanitario de Empresas Alimentarias e Alimentos (RGSEAA), ben a título individual ou como sociedade.
Para iso deberán sacrificar os seus animais nun matadoiro autorizado e despois comercializar as carnes obtidas en forma de canais enteiros, medios canais, cuartos de canal (medios canais partidos en dous), medios canais cortados en tres partes grandes e tamén como canais despezados (costelares, faldra...) cando o matadoiro dispoña dunha sala de despezamento operativa e funcional.
Para poder realizar a actividade de distribución de carne de ungulados, deberá solicitar a devandita autorización mediante inscrición no Rexistro Xeral Sanitario de Empresas Alimentarias e Alimentos na Clave 10, categoría/actividade 3/18.
A inscrición poderaa solicitar de modo presencial nos rexistros oficiais da Xunta de Galicia ou a través da súa sede electrónica, mediante a presentación da seguinte documentación:
Modelo SA451A para a inscrición no Rexistro Xeral Sanitario de Empresas Alimentarias e Alimentos
• Cubrir o anexo I e o anexo II. • Achegar copia do NIF/CIF da empresa • Achegar a taxa pagada. • Achegar, polo menos, o prerrequisito de limpeza-desinfección do/s vehículo/s de transporte, o prerrequisito de formación e o protocolo de trazabilidade.
A autorización de comercialización será de ámbito nacional (España) e poderase realizar con vehículos da propia empresa ou mediante unha empresa externa contratada.
A inscrición como distribuidor de carne no RGSEAA farase na provincia galega onde a empresa teña o seu domicilio social, enviando a documentación sinalada anteriormente á Xefatura Territorial de Sanidade da devandita provincia a través dun dos rexistros oficiais; tamén poderá realizarse de forma telemática a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.
A comercialización das carnes frescas e os seus derivados nos establecementos de comercio polo miúdo para subministración directa ao consumidor final están reguladas no Real Decreto 1376/2003, de 7 de novembro.
O Real Decreto 1376/2003 establece as condicións sanitarias aplicables á preparación, elaboración, almacenamento
e comercialización das carnes frescas e os seus derivados, nos establecementos de comercio polo miúdo destes produtos, para fornecelos directamente ao consumidor final, ou excepcionalmente e sempre que se trate dunha actividade restrinxida, marxinal e localizada, a establecementos de comidas preparadas, con ou sen repartición a domicilio.
Este real decreto tamén se aplica ás instalacións non permanentes que poidan autorizarse para a comercialización dos produtos recollidos neste decreto, conforme ao disposto no Real Decreto 1010/1985, do 5 de xuño, polo que se regula o exercicio de determinadas modalidades de venda fóra dun establecemento comercial permanente, ou na normativa correspondente das comunidades autónomas.
Nel establécense as seguintes definicións: Carnes: son todas as partes aptas para o consumo humano, incluídos os despoxos, obtidos en establecementos autorizados, provenientes de: • Animais domésticos das especies bovina, porcina, ovina, caprina, solípedos, galiñas, pavos, pintadas, patos, ocas e coellos • Mamíferos terrestres e aves silvestres reproducidos, criados e sacrificados en catividade • Caza silvestre • Reses de lida procedentes de espectáculos taurinos
Carnes picadas: son as carnes que foron sometidas a unha operación de picado en fragmentos ou ao paso por unha máquina picadora continua.
Derivados cárnicos: son os preparados de carne e os produtos cárnicos.
Preparados de carne: son os produtos elaborados coas carnes ou as carnes picadas ás que se lles engadiron outros produtos alimenticios, condimentos ou aditivos e/ou que foron sometidas a un tratamento insuficiente para modificar a estrutura celular da carne na parte central da superficie de corte e facer desaparecer así as características da carne fresca. Os preparados cárnicos poden ser: • Preparados cárnicos frescos: son aqueles elaborados con carne dunha ou varias das especies animais autorizadas, con ou sen graxa, picadas, agregadas con sal, condimentos, especias, outros produtos alimenticios e aditivos, non sometidos a tra-
tamento de desecación, cocción ou salgadura, embutidos ou non.
• Preparados cárnicos crus-adobados:
son aqueles elaborados con pezas cárnicas enteiras ou anacos identificables, segundo a clasificación comercial tradicional de carnicería, ou por anacos de carne que non reúnan os devanditos requisitos de identificación, pertencentes ás especies animais autorizadas, agregados ou non doutros produtos alimenticios, sometidos á acción do sal, especias, condimentos e/ou aditivos que lles confiren un aspecto e sabor característicos, recubertos ou non de pemento ou outros produtos, sen sufrir un proceso de curación posterior.
Produtos cárnicos: son os elaborados a partir de carne ou con carne mediante un tratamento que permita comprobar a desaparición das características da carne fresca na parte central da superficie de corte. Atópanse aquí incluídos os embutidos de sangue, entre os que se consideran as morcillas e a botifarra negra, e os produtos cárnicos cun contido mínimo de carne.
Outros produtos de orixe animal:
• Graxas animais fundidas: son as obtidas por extracción de carnes, incluídos os ósos, e destinadas ao consumo humano. • Roxóns: son os residuos proteicos da extracción, tras a separación parcial das graxas e a auga. • Pratos cociñados cárnicos: son os produtos cárnicos que corresponden a preparados culinarios, cociñados ou precociñados, conservados polo frío ou a máis de 65 ºC e destinados ao consumidor.
Alimento ou produto alimenticio: é calquera substancia ou produto destinados a ser inxeridos polos seres humanos ou con probabilidade razoable de selo, tanto se foron transformados enteira ou parcialmente coma se non, e que se recoñezan aptos para o consumo humano.
Materia prima: é calquera produto alimenticio que se utilice, de xeito individual ou como ingrediente, para a obtención dos produtos recollidos neste real decreto e que proceda de establecementos de produción e comercialización, debidamente autorizados.
ESTABLECEMENTO DE COMERCIO POLO MIÚDO DE CARNES
(CARNICERÍA, CARNICERÍA-SALCHICHERÍA, CARNICERÍA-CHACINERÍA E SUCURSAIS)
Un establecemento de comercio polo miúdo de carnes é todo aquel local ou conxunto de locais que formen unha
unidade económica, baixo unha titularidade única, nos que se desenvolvan as actividades recollidas neste real decreto, ou parte delas, para a venda ao consumidor nas dependencias propias destinadas ao devandito fin.
Considerarase que estes establecementos están integrados nunha unidade comercial de maior entidade cando as súas dependencias de venda se atopen situadas nesta, de maneira claramente identificada, compartindo servizos e elementos comúns da unidade con outros establecementos de igual ou diferente sector comercial.
Tamén terán esta consideración de establecementos aquelas seccións dos establecementos polivalentes que se dediquen a estas actividades, que deberán estar debidamente separadas e claramente identificadas, e poderán compartir os servizos e elementos comúns do establecemento polivalente coas outras seccións deste.
Estes establecementos clasifícanse en: Carnicerías: son aqueles establecementos dedicados á manipulación, preparación, presentación e, no seu caso, almacenamento de carnes e despoxos frescos (refrixerados ou conxelados), con ou sen óso, nas súas diferentes modalidades (fileteado, troceado, picado, mechado e outras análogas, segundo se trate), así como, pero sen elaboración propia, de preparados de carne, produtos cárnicos (enteiros, partidos ou lascados) e outros produtos de orixe animal, para a súa venda ao consumidor nas dependencias propias destinadas ao devandito fin.
Na presentación das carnes poderán utilizarse outros produtos alimenticios, sempre que os anacos ou pezas daquelas non perdan as características das carnes frescas e sen engadimento de aditivos e condimentos.
Estes establecementos poderán expender outros produtos alimenticios para os que se atopen debidamente autorizados e contar, de xeito opcional, con obradoiro anexo ou separado das dependencias de venda, pero pechado ao público, para o despezamento e a preparación e presentación das carnes.
Carnicerías-salchicherías: son os establecementos dedicados á actividade de carnicería, con elaboración en obradoiro anexo ou separado das dependencias de venda, pero cerrado ao público, de preparados de carne (frescos, crus-adobados etc.) e embutidos de sangue, entre os que se consideran as morcillas e a botifarra negra, ou daqueles outros tradicionais que as autoridades competentes poidan determinar e autorizar. Así mesmo, inclúese a actividade de salgar touciño.
Os produtos elaborados nestes establecementos só poderán ser comercializados nas súas propias dependencias de venda ao público e nas das súas sucursais. Carnicerías-chacinerías: son os establecementos dedicados á actividade de carnicería, con elaboración en obradoiro anexo ou separado das dependencias de venda, pero pechado ao público, de produtos cárnicos, outros produtos de orixe animal, pratos cociñados cárnicos, ademais dos recollidos no parágrafo. Os produtos elaborados nestes establecementos só poderán ser comercializados nas súas propias dependencias de venda ao público e nas das súas sucursais.
Dependencias de venda: trátase da parte destes establecementos destinada á manipulación, preparación, presentación, exposición e, no seu caso, almacenamento de produtos, na que pode existir ou non un espazo reservado ao público e onde normalmente se realizan as operacións de venda. As dependencias de venda poderán estar xuntas ou separadas do resto das dependencias coas que forman unha unidade económica, pero, en calquera caso, localizadas no mesmo municipio onde figure situado o establecemento.
Obradoiros: trátase da parte destes establecementos pechada ao público e destinada ás actividades de manipulación, preparación, elaboración propia e, no seu caso, almacenamento de carnes, preparados de carne, produtos cárnicos, pratos preparados cárnicos e outros determinados produtos de orixe animal, para os que estean debidamente autorizados.
Os obradoiros poderán estar xuntos ou separados do resto das dependencias coas que forman unha unidade económica, pero, en calquera caso, localizados no mesmo municipio onde figure situado o establecemento, considerado central.
A elaboración propia non poderá exceder, en ningún caso, de cinco toneladas semanais de produtos acabados ou, no caso da produción de foie-gras, de 0,7 toneladas por semana.
Sucursais: son os establecementos dedicados á actividade de carnicería que normalmente incorporan á súa comercialización habitual os produtos preparados, producidos ou elaborados noutro establecemento que conte con obradoiro, dos sinalados anteriormente, considerado central, de igual titularidade que eles e localizados no municipio onde estea situado o establecemento ou ben na unidade sanitaria local, zona de saúde ou territorio definido pola autoridade competente correspondente, previa solicitude e autorización expresa desta.
A autoridade competente poderá limitar, por motivos sanitarios, o número máximo de sucursais ligadas a un establecemento central.
Inscrición no REGASA destes establecementos
Todos estes establecementos de comercio polo miúdo de carnes necesitan estar inscritos no Rexistro Galego Sanitario de Empresas e Establecementos Alimentarios (REGASA) antes de comezar a súa actividade.
O ámbito de comercialización dos establecementos inscritos no REGASA é a Comunidade Autónoma de Galicia. A inscrición non se pode solicitar de modo presencial nos rexistros oficiais da Xunta de Galicia, senón a través da súa sede electrónica mediante a presentación da seguinte documentación:
Modelo SA550A para a inscrición no Rexistro Xeral Sanitario de Empresas Alimentarias e Alimentos
• Cubrir o anexo I, que inclúe unha declaración responsable do solicitante. • Achegar copia do NIF/CIF da empresa ou do particular. • Achegar a taxa pagada.
Os establecementos de comercio polo miúdo de carnes deberán axustarse a un deseño ou esquema que facilite un adecuado tratamento técnico e hixiénico- sanitario das materias primas e produtos que, en cada caso, manipulen, preparen, elaboren ou comercialicen. Contarán, entre outras, con dependencias de venda e, no seu caso, obradoiro.
Nas dependencias de venda terán mostradores, vitrinas e outros elementos que, en calquera caso, serán frigoríficos para a presentación ou exposición ao público de toda clase de carnes e demais produtos frescos que se expendan, refrixerados ou conxelados, que evitarán posibles contaminacións.
Cando os produtos non necesiten tratamento de frío, os elementos de exposición evitarán, igualmente, todo contacto ou manipulación polo público, salvo que se trate de conservas ou produtos envasados en materiais impermeables e debidamente etiquetados. Tamén se evitará a incidencia directa dos raios solares sobre toda clase de produtos.
Terán lavamáns de accionamento non manual, provistos de auga potable, quente e fría, e secado hixiénico das mans, así como mesa ou outro elemento de características funcionais similares, destinado á manipulación e preparación das carnes e demais produtos antes da súa exposición e venda ao público, construída con materiais autorizados, fáciles de limpar e desinfectar.
Os equipos, recipientes e útiles de traballo destinados a entrar en contacto directo coas materias primas, preparados e demais produtos deberán estar fabricados con materiais resistentes á corrosión e fáciles de limpar e desinfectar. Tamén terán recipientes especiais, estancos, de materiais inalterables de fácil limpeza e desinfección, con tapadeira, destinados
a aloxar produtos alimenticios refugados para o consumo humano, que se identificarán no seu exterior coa lenda «REFUGALLOS E DESPERDICIOS» ou, no seu caso, «MER» (materiais especificados de risco).
Disporán de instalacións frigoríficas para a conservación, en réxime de refrixeración ou conxelación, de materias primas e produtos que necesiten o devandito tratamento, que contarán con aparellos para a lectura e comprobación das temperaturas. Para estes efectos, consideraranse todos os elementos de frío, tales como armarios, mostradores, arcóns ou vitrinas, que teñan os establecementos e, no seu caso, as instalacións frigoríficas de conservación das unidades comerciais de maior entidade onde estean situados os integrados, destinadas para a utilización por estes.
Nos obradoiros onde se elaboren derivados cárnicos, ademais das esixencias xerais, terase en conta o seguinte:
• As temperaturas dos locais ou da parte deles en que se manipulen as carnes, as materias primas e os produtos cárnicos deberán garantir unha produción hixiénica. Estes locais, ou parte deles, estarán provistos dun dispositivo de acondicionamento de aire, se fose necesario. • Terán equipos adecuados para o picado, o amasado e o embutido dos produtos. • Terán instalacións ou locais específicos, no seu caso, para os tratamentos de secado e curado. • Terán dispositivos ou equipos adecuados, cando sexa necesario, para os tratamentos de salgadura, afumado, cocción etc. dotados, no seu caso, de sistemas de extracción de fumes e/ou vapores. • Os lavamáns serán de accionamento non manual, provistos de auga potable, quente e fría, e secado hixiénico das mans. • Disporán de instalación para gardar a roupa e o calzado, que estea pechada e que evite a contaminación. • Terán un dispositivo ou armario para o almacenamento dos condimentos, especias e aditivos alimentarios, en condicións tales que se evite a súa alteración e/ou contaminación. • Os procesos de desalgado e preparación de tripas para embutido e os de retirada de envases e embalaxes poderán realizarse nos locais de manipulación, sempre que se evite calquera contaminación de materias primas ou produtos elaborados. • Naqueles casos en que non exista risco de contaminación dos produtos e sempre que sexa xustificable por razóns tecnolóxicas, poderá utilizarse a madeira para certas actividades, previa autorización sanitaria. • Poderán utilizarse metais galvanizados para o curado de produtos cárnicos, sempre que se atopen en boas condicións de mantemento e non exista perigo de contaminación dos produtos. • Terán un dispositivo ou armario pechado e identificado para o almacenamento de deterxentes, desinfectantes e substancias similares, así como para o material de limpeza e mantemento. Estes produtos manteranse nos seus recipientes orixinais e, se se teñen que transvasar, os envases estarán claramente identificados e non poderán conter nin ter contido alimentos ou bebidas.
MARCADO SANITARIO
Os derivados cárnicos, producidos nos establecementos recollidos neste real decreto, irán provistos dunha marca sanitaria, que se colocará no momento ou inmediatamente despois da súa elaboración de forma lexible, indeleble e claramente identificable.
A marca sanitaria deberá incluír, dentro dun rectángulo, as indicacións seguintes:
• Na parte superior, a expresión «ELABO-
RACIÓN PROPIA» en maiúsculas. • Na parte central, o número de autorización do establecemento. • Na parte inferior, a expresión «VENDA
DIRECTA AO CONSUMIDOR» en maiúsculas.
A marca sanitaria poderá imprimirse directamente sobre o produto, con medios autorizados, ou estar previamente impresa no recipiente que os conteña ou ben sobre unha etiqueta, placa ou sinal suxeito ao produto, fabricados con material apto para entrar en contacto cos alimentos ou, no seu caso, adherirse sobre o envase.
ETIQUETADO
Real Decreto 126/2015, do 27 de febreiro, polo que se aproba a norma xeral relativa á información alimentaria dos alimentos que se presenten sen envasar para a venda ao consumidor final e ás colectividades, dos envasados nos lugares de venda a petición do comprador e dos envasados polos titulares do comercio polo miúdo.
Alimentos que se presenten sen envasar e os envasados nos lugares de venda a petición do comprador
A información alimentaria obrigatoria dos alimentos que se presenten sen envasar para a venda ao consumidor final e ás colectividades e os envasados nos lugares de venda a petición do comprador deberá incluír, polo menos, as seguintes indicacións: • A denominación do alimento, que irá acompañada, no seu caso, das
Exemplo de etiqueta
Elaboración propia Nº Autorización Venda directa ao consumidor
PREPARADO DE CARNE DE VACÚN
Ingredientes: Carne de vacún 72%, auga, proteína de soia, sal, lactosa, emulxentes (E-450, E-451, E-407) e antioxidantes (E-331, E-301) Alérxenos marcados en negriña Lote: Precio Kg: Peso neto: PVP:
n de lote 0,598 KG 4,50 €
Carnicería-Chacinería
Nome da empresa Localidade - Provincia Consumir preferentemente antes de: 20/09/2022 4,50
Cociñar completamente antes do seu consumo Non precisa engadimento de sal Conservar no frigorífico por debaixo dos 8 ºC
mencións obrigatorias adicionais para categorías ou tipos específicos de alimentos (data de conxelación). • Alérxenos. As mencións específicas ás que se refire o artigo 9, apartado 1, letra c) do Regulamento (UE) nº 1169/2011 do Parlamento Europeo e do Consello, do 25 de outubro de 2011, cunha referencia clara á substancia ou produto de que se trate segundo figura no anexo II do citado
Regulamento, relativo ás substancias que causan alerxias ou intolerancias. • A cantidade dun ingrediente ou dunha categoría de ingredientes de acordo co establecido no artigo 22 do Regulamento (UE) nº 1169/2011 do Parlamento Europeo e do Consello, de 25 de outubro de 2011.
Alimentos envasados polos titulares do comercio polo miúdo para a súa venda inmediata no establecemento ou establecementos da súa propiedade
A información alimentaria obrigatoria dos alimentos que se envasen polos titulares do comercio polo miúdo para a súa venda inmediata no establecemento ou establecementos da súa propiedade deberá incluír, sen prexuízo daqueles outros requisitos que establezan as disposicións específicas correspondentes para cada alimento en particular, as seguintes indicacións: • Denominación do alimento • Listaxe de ingredientes • Alérxenos que figuren no anexo II do
Regulamento (UE) nº 1169/2011 • Cantidades de determinados ingredientes • Cantidade neta do alimento • Data de caducidade ou de duración mínima • Condicións especiais de conservación e/ou utilización • Nome ou razón social e o enderezo do operador alimentario • Modo de emprego, no seu caso • A data de conxelación, cando cumpra
COMERCIALIZACIÓN DE AVES DE CURRAL E LAGOMORFOS
Real Decreto 1086/2020, do 9 de decembro, polo que se regulan e flexibilizan determinadas condicións de aplicación das disposicións da Unión Europea en materia de hixiene da produción e comercialización dos produtos alimenticios e se regulan actividades excluídas do seu ámbito de aplicación (BOE Núm. 322. Xoves 10 de decembro de 2020)
SUBMINISTRACIÓN DIRECTA DE PEQUENAS CANTIDADES DE CARNE DE AVES DE CURRAL, DE LAGOMORFOS E DE CAZA SILVESTRE (Art. 19)
A subministración directa por parte do produtor de pequenas cantidades de carne fresca procedentes de aves de curral e lagomorfos sacrificados na explotación, destinados ao consumidor final ou a establecementos de comercio polo miúdo que lle fornecen directamente a devandita carne ao consumidor final poderase realizar cumprindo os requisitos relativos ao sacrificio en explotación. Poderán solicitar a autorización para o sacrificio: • As explotacións de paspallás e/ou perdices. • As explotacións de aves de curral: » Da especie Gallus gallus que utilicen un sistema de cría ecolóxico » As explotacións avícolas de carne con formas de cría Campero tradicional e Campero criado en total liberdade » As explotacións de lagomorfos que posúen menos de cincuenta nais ou que producen en réximes de calidade recoñecidos
Os titulares de explotacións gandeiras que desexen acollerse a esta excepción deberán solicitarlle á autoridade competente da comunidade autónoma, con carácter previo ao comezo da súa actividade, autorización para o sacrificio na explotación das aves e lagomorfos.
Os titulares das explotacións gandeiras acompañarán a solicitude de autorización da actividade que desexen realizar con, polo menos, os seguintes datos: o seu nome ou razón social, o NIF, NIE ou CIF, a sede do establecemento e a xustificación do cumprimento dos requisitos das explotacións gandeiras previstos no apartado 1.
Os produtores que se acollan a esta excepción poderán sacrificar na súa explotación só animais criados na propia granxa, e a estancia mínima dos animais na explotación antes do sacrificio será de, polo menos: • En aves de curral da especie Gallus gallus: a metade do período mínimo de cría nos sistemas de cría que poidan acceder a esta excepción • En paspallás: 20 días • En perdices: 50 días • En lagomorfos: 35 días
Ademais, establécense os seguintes límites para o número de animais sacrificados: • Para as explotacións de aves de curral da especie Gallus gallus, o límite de sacrificio será de 500 aves por semana, cun máximo de 25.000 aves ao ano. • Para as explotacións de perdices e paspallás, o límite de sacrificio semanal e anual será o dobre que os límites establecidos na letra a). • Para as explotacións de lagomorfos, o límite de sacrificio será de 300 por semana, cun máximo de 15.600 lagomorfos ao ano.
No caso de produción estacional, o operador poderá solicitar permiso escrito á autoridade competente da comunidade autónoma para superar as cifras semanais anteriores, aínda que non o límite anual. No caso dos animais certificados como produción ecolóxica deberá cumprirse cos períodos de conversión e os límites de sacrificio establecidos no Regulamento (CE) 834/2007 do Consello, de 28 de xuño de 2007, sobre produción ecolóxica e etiquetaxe dos produtos ecolóxicos e polo que se derroga o Regulamento (CEE) n.º 2092/91, ou, unha vez que entre en aplicación, no Regulamento (UE) 2018/848 do Parlamento Europeo e do Consello, do 30 de maio de 2018, sobre produción ecolóxica e etiquetaxe dos produtos ecolóxicos e polo que se derroga o Regulamento (CE) n.º 834/2007 do Consello.
Requisitos adicionais ao anexo II do Regulamento (CE) n.º 852/2004 do Parlamento Europeo e do Consello, de 29 de abril de 2004.
As explotacións autorizadas para o sacrificio de aves de curral ou lagomorfos criados na súa propia explotación deberán cumprir co establecido no Regulamento (CE) n.º 852/2004 do Parlamento Europeo e do Consello, de 29 de abril de 2004, tendo en conta que se trata de operadores de empresa alimentaria que interveñen en fases posteriores á produción primaria e ás súas actividades conexas. Ademais, deberán cumprir os seguintes requisitos: • Os animais enfermos ou que se sospeite que o estean e os sacrificados en aplicación de programas de erradicación ou control de enfermidades non poderán sacrificarse nas instalacións destinadas ao sacrificio de animais para o consumo humano, salvo casos excepcionais autorizados expresamente pola autoridade competente da comunidade autónoma. • Disporán de zonas separadas para o aturdimento e sangrado, e para o escaldado e desplumado en aves ou o desollado en coellos. • Disporán dunha sala independente para a evisceración e faenado, salvo cando as devanditas operacións se realicen en momentos diferentes e se adopten medidas para evitar o risco de contaminación. • Disporán dunha sala independente para, no seu caso, o despezamento das canais. No entanto, o despezamento poderase realizar na sala de evisceración en momentos diferentes e previa limpeza. • As operacións de aturdimento, sangrado, desollado, desplumado, evisceración e outros traballos levaranse a cabo sen demoras innecesarias, evitando a contaminación da carne.
En especial, deberanse tomar as medidas oportunas para impedir que durante a evisceración se derrame o contido do tubo dixestivo. • Disporán de equipos que permitan a desinfección dos utensilios empregados para o sacrificio e o faenado. • Disporán de cámaras frigoríficas suficientes, que aseguren o mantemento da carne producida a unha temperatura igual ou inferior a 4 ºC. • Comercializarán os canais e, no seu caso, os despezamentos como carne fresca refrixerada, e non está permitida a súa conxelación. • Os canais e os seus cortes comercializaranse sempre a unha temperatura entre 2 e 4 ºC. • Os canais e, no seu caso, os despezamentos levarán unha marca de identificación que será rectangular, incluirá a lenda «VENDA LOCAL» e o número de autorización do establecemento; fixarase directamente no produto, no envase ou na embalaxe, ou ben poderá estamparse nunha etiqueta fixada a calquera dos tres.
CONDICIÓNS DA COMERCIALIZACIÓN
A subministración directa poderase realizar: • Directamente polo produtor ao consumidor final na propia explotación ou en mercados ocasionais ou periódicos, e está permitida a repartición a domicilio, pero non o envío destes produtos por correspondencia. • Directamente polo produtor, e sen intermediarios, a establecementos de comercio polo miúdo permanentes que fornecen directamente ao consumidor final. • A distancia entre a explotación e os mercados ou establecementos non poderá superar os 100 quilómetros. No entanto, en rexións con limitacións xeográficas especiais, ou no caso de rexións insulares, a autoridade competente da comunidade autónoma poderá autorizar a comercialización nun raio superior dentro do territorio da comunidade autónoma.
Sen prexuízo do establecido na normativa xeral sobre a información alimentaria dos produtos alimenticios facilitada ao consumidor, o produtor deberá facilitarlle ao comprador un documento no que figure: • O número de inscrición da explotación no Rexistro Xeral Sanitario de
Empresas Alimentarias (RGSEAA) onde consta a autorización para o sacrificio na explotación. • A descrición da mercadoría. • O peso neto do produto e a data de sacrificio.
De maneira excepcional, poderase autorizar a venda directa por parte do produtor ao consumidor final en feiras ou eventos de características similares fóra do ámbito descrito nos puntos anteriores.
O produtor deberá portar a devandita autorización para mostrala a requirimento dos servizos de control oficial no lugar de venda.