7 minute read
Gemma San Pedro (Guntín, Lugo
GEMMA SAN PEDRO CRIADORA DA RAZA CABRA GALEGA
Cabuxa Natur é o nome da explotación de caprino en ecolóxico posta en marcha en 2011 pola barcelonesa Gemma San Pedro en Borreiques, no concello lucense de Guntín. Conversamos con ela sobre as orixes do proxecto, o manexo das cabras e o seu día a día, así como sobre a comercialización dos cabritos e as claves de rendibilidade do negocio.
Como xorde este proxecto?
Presentáronseme na vida estes recursos [refírese ao terreo] e, tras barallar varias posibilidades de que proxecto podería pór aquí en marcha, escollín o do gando caprino, pois considerei que era o que mellor se adaptaba á forma en que quería producir, sen depender da compra de insumos externos e en maior equilibrio cos recursos que tiña aquí.
Estabas ligada ao campo con anterioridade?
Para nada. Eu nacín en Barcelona e vinme vivir a Lugo xa de grandiña, pero sempre estudei en relación co campo e co monte.
Como foron os inicios?
Empecei de moi negativo… Isto era peor que unha xungla e, como digo sempre, despois de once anos no cero estou agora, que é cando empezo a ver os froitos do meu traballo. Ata este momento o pouco que xera, porque a rendibilidade deste negocio é un fío moi fino, tíveno que volver investir en pechar fincas, encalar, rozar…, pero agora véxoo todo moito máis positivo, estou do cero cara arriba!
Por que te decantaches pola Cabra Galega?
É que non concibo traer unha raza doutra rexión! Por lóxica, o animal que mellor se vai adaptar é o autóctono de aquí e a verdade é que, a medida que fun recriando, si fun notando diferenzas entre as mestizas e as puras no sentido de dureza ante unha ferida ou unha infección, de que son moi boas nais…
Con cantos animais empezaches e cantos tes agora?
Empecei cun rabaño que trouxen de Celanova de 170 animais, dos que seis eran de Cabra Galega, e na actualidade teño uns 300, dos que uns 225 son puros.
Como é a cría destes animais?
Pois moi complicada e moi dura. Non é fácil sacar un cabrito adiante e tampouco o é levalo á fase adulta; require moitísimo tempo, esforzo e sacrificio. A cabra ten a fama de ser moi dura e de que se pode ter en calquera sitio comendo o que sexa, pero nada máis lonxe da realidade, e sanitariamente tamén son moi delicadas, hai que ter moito control e estar moi enriba delas. Coas cabras sempre hai que actuar en prevención; se vas cando xa está mal, esquécete.
En que se basea o teu sistema de produción?
Depende da época do ano en que nos atopemos. Neste momento [falamos con Gemma a mediados de novembro] xa vendín toda a produción e xa teño a recría que vou incorporar ao rabaño, así que agora é mantemento. Estou en réxime semiextensivo: recollo os animais para durmir, xa que se os tivese fóra probablemente tería moitas máis baixas por ataques, e, polo día, ata primeira hora da tarde están dentro das fincas, no pasto, e pola tarde facemos pastoreo no monte, porque para a cabra é imprescindible comer vexetación leñosa.
Canto tempo pasades no monte?
Dúas ou tres horas, depende do que queiran andar. Realmente non sei en que momento comen, porque o delas é correr e coller un pouquiño de aquí e outro pouquiño de alá, e cando empeza a baixar o sol volvemos para a casa e déixoas na nave. Cara a finais de agosto e setembro apenas hai pasto pola seca estival, polo que necesitamos moitas máis horas de monte, e así imos controlando, porque a estes animais non os suplemento nin con penso nin con cereais nin con nada.
E os cabritos, tampouco os suplementas?
Tampouco. Críanse co leite da nai e con pasto, xa que desde que teñen un mes e pico xa van ao monte.
Como fas a xestión reprodutiva?
Fago programación de partos porque cando máis esixencias nutricionais ten a cabra é no momento de parir e mentres está aleitando os cabritos; entón procuro que iso pase na primavera, cando o pasto está en plena produción. Ademais, nesa época os días son máis longos para xestionar eu os partos, xa que paren fóra sempre e, en lugar de irme moi lonxe para que coman no monte, tiro máis de pasto.
Supoñen estes ataques un problema importante para a túa explotación?
Sen dúbida, supoñen un problema moi grande. O último tíveno hai tres días, a dez metros de min, cando apareceron dous lobos e colleron unha cabra. Foi cousa de segundos, porque xa foron os cans a por eles e soltárona, pero está ferida e a ver como vai recuperando.
De que extensión de terreo dispós?
A base territorial é de preto de 50 hectáreas, das cales teño 35 a pradeira e logo hai zonas forestais.
E de que instalacións?
As instalacións non son o máis rechamante aquí. Empecei facendo o peche, que é moi importante; teño todo cercado e electrificado para que os animais non escapen e tamén para impedir a entrada da fauna salvaxe, aínda que o raposo segue entrando. Logo, simplemente teño uns cubertos para protexelas da choiva e neles teño uns comedeiros con herba seca, que lles dou sobre todo nesta época de primavera de outono que se produce este verde.
Como é o carácter destes animais?
Hai de todo e depende moito do criador. Se che coincide criar algunha a biberón, vas ter un cadeliño, pero á maioría só as colles cando nacen para identificalas e, se nunca máis as volves tocar, entón xa están como máis salvaxes. Pero as cabras non funcionan como animais individuais senón como rabaño, e aí si que son animais que se guían moi ben con axuda dos border collies.
Cantos cans precisas para manexar o rabaño?
Agora mesmo teño tres border collies. Estes cans son superintelixentes e indispensables para calquera que queira ter un rabaño. E logo teño cinco mastíns e outro encargado para protexer os animais dos ataques do lobo, que levaba tres anos moi tranquila, pero agora vólvoos ter.
Que volume de vendas manexas?
Veño criando sobre douscentos cabritos e cabritas. Máis ou menos, a metade son femias e a outra metade son machos. Os machos van todos para sacrificio, excepto algún que queda para reprodutor, e as femias que non recrío eu intento sempre vendelas para vida.
Como xestionas a comercialización da carne?
No meu caso é todo venda directa e encárgome eu de todo: lévoos ao matadoiro e recólloos, fago o papelorio, lévollos ao cliente…
Como distribúes as vendas ao longo do ano?
Ao ter os partos programados, os cabritos empezan a nacer a finais de marzo e vendo ata o mes de outubro. Moita xente pregúntame como non teño cabrito para o Nadal, pero é que co meu sistema de produción é case imposible e non o vou cambiar, porque a miña experiencia me di que os partos no inverno son un desastre, xa que non hai o pasto que ten que haber para que a cabra produza leite suficiente e o cabrito medre.
Con que peso adoitas vender os cabritos?
Vou tendo unha media de 7-8 kg aos dous meses. Ao principio a xente si que me pedía que o cabrito fose pequeno por medo ao bravío, esas lendas urbanas que hai, e agora, en cambio, dinme: ‘Pero non o terás de 13 kg?’.
Botas man dalgunha ferramenta para a promoción dos teus produtos?
Non, de nada. Aquí é todo o boca a boca da xente, clientes que quedan contentos, repiten e recoméndante a outros.
Que apoios recibes por parte de Capriga?
Sobre todo o control dos reprodutores para evitar a consanguinidade. Sen a Asociación dariamos paus de cego; en cambio, se está controlado, non te atopas sorpresas de que che nazan cabritos con cousas raras, e á vista está, que de seis cabras teño agora duascentas e pico.
Comentabas antes que para sacarlle rendibilidade a este negocio hai que fiar moi fino. Cales son as claves?
No meu caso, eu vivo disto; con todo, as axudas da PAC son indispensables, porque o que saco dos cabritos digamos que me dá para soster a explotación, pero sen ter en conta o meu soldo. Para min tamén é importante non depender nada de insumos de fóra; só gasto en desparasitar, en vacinar e nos seguros. No momento no que tivese que empregar maquinaria ou traer penso e cereais, estaría perdendo diñeiro e tería que tomarme o negocio doutra maneira.
Estás satisfeita con este xeito de vida?
Completamente. Se volvese nacer cen veces, cen veces sería cabreira. Si que me gustaría ter un pouquiño de tempo libre e desconectar, porque eu vou durmir e sigo soñando coas cabras. Cando as trouxen, a miña idea era metelas na finca e vir de cando en vez, pero estaba totalmente equivocada porque pasaron tres meses e xa non había nada que comer, entón tiven que empezar a saír con elas. Eu nunca pensei en ser pastora e hoxe que non me falte un día de ir ao monte, que me poño insoportable!