5 minute read

José Zapata (Castro de Rei, Lugo

JOSÉ ZAPATA CRIADOR DA RAZA GALIÑA DE MOS

“A MELLOR PROMOCIÓN DA RAZA É O PRODUTO, É ELA MESMA”

A granxa de avicultura artesanal de José Zapata chámase Chousa do Lea e está situada en Castro de Ribeiras de Lea, no concello lucense de Castro de Rei, do que se considera orixinaria a raza Galiña de Mos. A continuación reproducimos a conversa que mantivemos hai uns días co actual vicepresidente de Avimós.

Por que te decantaches por esta raza?

Porque na miña casa sempre houbo estas galiñas, nunca deixou de habelas. Entón, cando a Xunta promoveu o programa de recuperación de razas autóctonas, eu vin unha nota de prensa que poñía que se alguén tiña Galiña de Mos, ou lle parecía que a tiña, que chamase a un número de teléfono que facilitaban e iso foi o que fixen. Uns días máis tarde presentouse na miña casa Diego Rois, o actual director técnico de Avimós. Mirou os animais que eu tiña naquel entón, confirmoume que si eran de raza e faloume sobre o programa de recuperación de razas, onde se incluía a Galiña de Mos, da cal el era o encargado de localizar animais por todo o territorio galego. Unha vez rematado ese traballo de busca de exemplares, Diego ponnos en contacto a todos os propietarios e explícanos o proxecto futuro de recuperación da raza que el quería desenvolver. Ao pouco tempo, constituímos formalmente a asociación de criadores, Avimós, da que son socio fundador número seis e actualmente vicepresidente. A partir dese momento o que nós fixemos foi defender a raza seguindo sempre as pautas que o profesional nos marcaba, neste caso Diego. Certo é que nos custou moito chegar ata onde estamos hoxe, xa que había bastantes problemas de consanguinidade e a raza xa empezara a dexenerar, pero Diego foi quen de seleccionar animais que fomos intercambiando entre os socios para evitar estes problemas e continuar coa pureza de raza tal como se merece.

Cantos animais tes na actualidade?

É importante especificar o que é posta, o que é recría e o que é ceba, así que poñamos que entre todo o conxunto hoxe andaremos polos catrocentos animais, cando partiamos de pouco máis de media ducia.

Como é a cría da Galiña de Mos?

A cría é fácil se se lle dá o que necesita: boa alimentación, boas camas (instalacións adecuadas, que estean secas…) e o cariño que lle hai que dar a calquera animal. No caso da alimentación quero destacar cousas que me parecen importantes para esta raza de cara a obter un bo produto final. Nós cultivamos variedades autóctonas de trigo e de millo; no caso do trigo, optamos polas variedades Callobre e Caaveiro, que achegan proteínas que non achega outro trigo que se

poida traer de fóra, e, no caso do millo, decidinme pola variedade Aranga, que é a que máis enerxía lles proporciona aos animais. Ademais, poñemos sobre 4.000 pés de horta todos os anos, que lles damos ás galiñas á parte do verde que comen elas no campo ao estar en liberdade. Tamén me gustaría resaltar que nós non facemos produto campeiro, porque o produto campeiro é unha cousa e o produto criado ao aire libre é outra totalmente diferente, pois dá unhas garantías moito mellores que o que simplemente ten a etiqueta de campeiro.

Que produtos comercializades?

Comercializamos todos os produtos que poden saír desta raza, é dicir, o galo, que na nosa explotación non sacrificamos ata os nove ou dez meses, a pularda, o polo e a galiña, ademais de capóns por encarga e ovos.

Como facedes a comercialización?

O máis directa posible, pois a min gústame coñecer a xente que vai consumir o produto. Movémonos no mercado local: tendas de barrio, establecementos hostaleiros e particulares.

Axuda en algo o logotipo 100% Raza Autóctona?

Ao consumidor si que lle axuda, claro está, xa que grazas a este logo sabe que ao mercar ese produto está apoiando non só a un criador, a un gandeiro, senón que está promovendo que esa raza autóctona continúe viva.

Cantos anos levades acudindo á Semana Verde?

Case non recordo xa cando foi o primeiro ano que viñemos, porque foi practicamente dende que se fundou a asociación de criadores. Nos inicios asistiamos con animais vivos, xa que daquela aínda non existía o Salón de Alimentación do Atlántico, pero dende o momento no que se empezou a facer Salimat estivemos presentes todas as edicións.

Como vos axudou no desenvolvemento do voso negocio?

Pois penso que este tipo de feiras son un bo trampolín para dar a coñecer os produtos da raza e mais a raza en si e para encontrar xente interesada na compra do produto. Para nós é unha feira de relacións, comercial e divulgativa da raza.

“NÓS NON FACEMOS PRODUTO CAMPEIRO, PORQUE O PRODUTO CAMPEIRO É UNHA COUSA E O PRODUTO CRIADO AO AIRE LIBRE É OUTRA TOTALMENTE DIFERENTE, POIS DÁ UNHAS GARANTÍAS MOITO MELLORES QUE O QUE SIMPLEMENTE TEN A ETIQUETA DE CAMPEIRO”

Acudides a outras feiras ou botades man doutras ferramentas para a promoción dos vosos produtos?

Temos participado en varias feiras locais, en feiras de artesanía etc. expoñendo os nosos produtos e dando a coñecer a raza. Tamén teño Facebook, pero a mellor promoción da raza é o produto, é ela mesma.

É rendible este negocio?

As nosas explotacións están baseadas nun decreto de avicultura artesanal e ese decreto limítanos a produción anual. Co número máximo de animais que recolle a normativa non se pode vivir disto unicamente, pero si é un complemento importante aos ingresos da unidade familiar. Para poder vivir desta actividade teriamos que deixar o de artesanal e irnos á cría industrial, unha modalidade na que non hai límite de animais, é dicir, o número vai en relación á capacidade das instalacións, pero tamén é importante resaltar que un produto industrial nunca vai ter as mesmas características de calidade que un artesanal.

This article is from: