12
ENTREVISTA
JOSÉ ZAPATA CRIADOR DA RAZA GALIÑA DE MOS
“A MELLOR PROMOCIÓN DA RAZA É O PRODUTO, É ELA MESMA” A granxa de avicultura artesanal de José Zapata chámase Chousa do Lea e está situada en Castro de Ribeiras de Lea, no concello lucense de Castro de Rei, do que se considera orixinaria a raza Galiña de Mos. A continuación reproducimos a conversa que mantivemos hai uns días co actual vicepresidente de Avimós. Por que te decantaches por esta raza? Porque na miña casa sempre houbo estas galiñas, nunca deixou de habelas. Entón, cando a Xunta promoveu o programa de recuperación de razas autóctonas, eu vin unha nota de prensa que poñía que se alguén tiña Galiña de Mos, ou lle parecía que a tiña, que chamase a un número de teléfono que facilitaban e iso foi o que fixen. Uns días máis tarde presentouse na miña casa Diego Rois, o actual director técnico de Avimós. Mirou os animais que eu tiña naquel entón, confirmoume que si eran de raza e faloume sobre o programa de recuperación de razas, onde se incluía a Galiña de Mos, da cal el era o encargado de localizar animais por todo o territorio galego. Unha vez rematado ese traballo de busca de exemplares, Diego ponnos en contacto a todos Autóctonas Galegas Número 14
os propietarios e explícanos o proxecto futuro de recuperación da raza que el quería desenvolver. Ao pouco tempo, constituímos formalmente a asociación de criadores, Avimós, da que son socio fundador número seis e actualmente vicepresidente. A partir dese momento o que nós fixemos foi defender a raza seguindo sempre as pautas que o profesional nos marcaba, neste caso Diego. Certo é que nos custou moito chegar ata onde estamos hoxe, xa que había bastantes problemas de consanguinidade e a raza xa empezara a dexenerar, pero Diego foi quen de seleccionar animais que fomos intercambiando entre os socios para evitar estes problemas e continuar coa pureza de raza tal como se merece.
Cantos animais tes na actualidade? É importante especificar o que é posta, o que é recría e o que é ceba, así que poñamos que entre todo o conxunto hoxe andaremos polos catrocentos animais, cando partiamos de pouco máis de media ducia. Como é a cría da Galiña de Mos? A cría é fácil se se lle dá o que necesita: boa alimentación, boas camas (instalacións adecuadas, que estean secas…) e o cariño que lle hai que dar a calquera animal. No caso da alimentación quero destacar cousas que me parecen importantes para esta raza de cara a obter un bo produto final. Nós cultivamos variedades autóctonas de trigo e de millo; no caso do trigo, optamos polas variedades Callobre e Caaveiro, que achegan proteínas que non achega outro trigo que se