5 minute read
Francisco Monasterio (Vilalba, Lugo
Francisco Monasterio é o presidente da Asociación de Avicultores da Raza Galiña de Mos (Avimós), da que foi socio fundador no ano 2001. A súa explotación chámase Aves do Concello e está situada na parroquia vilalbesa de Mourence. Isto foi o que nos contou durante a conversa que mantivemos con el na Semana Verde.
Por que te decantaches pola Galiña de Mos?
Na miña casa houbo galiñas de Mos sempre; de feito, eu teño fotografías de cando era pequeno con miña nai e con miña irmá nas que saen galiñas de Mos. Entón, cando saíu o tema de recuperar a raza, oito persoas tivemos a inquedanza de sacalo adiante, decidimos crear Avimós e, a partir de aí, chegamos ao que hoxe é a Asociación.
Con cantos animais empezaches?
Penso que empecei con doce galiñas e un galo e a evolución foi tremenda. Hoxe en día teño un REGA de avicultura artesanal para a cría tanto de galos para consumo de carne como galiñas para posta, e dedícome a vender pitos, galos e ovos.
Como é a cría destes animais?
Esta é unha cría totalmente ao aire libre. As galiñas só están no galiñeiro para durmir. O resto do día pásano picando, pacendo, espollándose na terra… en fin, fan a vida toda fóra do galiñeiro.
É rendible este negocio?
Cando empezamos ninguén pensaba que se podía vivir disto; de feito, eu non vivo, pero hai xente que si o fai. Nos inicios, o que desexabamos era que unha raza que estaba en perigo de extinción se recuperase e os labores a seguir foron participar en moitas feiras, concursos, exposicións… para que a xente a coñecese e puidese ter acceso a ela.
Que se sente despois de todo o logrado?
É un orgullo que levamos dentro porque é unha raza que, se non chegamos a estar nós nese momento, no ano 2001, eu penso que non existiría. Haberíaa nalgunha casa, pero non coma nestes momentos, que está por toda Galicia e por toda España.
Que destacarías de todo o acadado ao longo destes anos?
Agora o que hai é, quizais, unha profesionalidade máis grande. Temos cria-
dores cun REGA de avicultura artesanal, que si que se dedican a criar e a vender tanto ovos como carne, e despois temos un grupo de criadores, a maioría, que só teñen os seus animais para o seu propio consumo, como se tiñan antigamente. Conseguimos que a Administración nos autorizase uns minicentros de embalaxe de ovos para poder vender e marcar os ovos en calquera tipo de establecemento, tanto restaurantes como tendas, que foi un paso moi grande, e agora ultimamente o Goberno central permitiu as salas de matanza domiciliarias, as cales levabamos anos intentando conseguir, porque era unha cousa que estaba en funcionamento en toda Europa menos en España, e podemos dicir que desde Avimós fomos os pioneiros e os promotores de todo este tipo de iniciativas. Hoxe en día Avimós é un pouco a vangarda da avicultura artesanal en España, artesanal no sentido de animais de consumo, o cal para nós é un orgullo moi grande, porque cando empezamos no ano 2001 pouco sabiamos e andamos moito por España e polo estranxeiro para coñecer como funcionaba isto. Tamén me gustaría destacar que a Galiña de Mos foi a primeira raza autóctona en perigo de extinción considerada como tal polo Ministerio de Agricultura, e a ela seguíronlle moitas outras. Ademais, é a raza autóctona en perigo de extinción que máis animais ten entre todas as de España. Quero dicir con isto que pasamos dun nada a un abano moi grande, o cal tamén é un orgullo para Avimós e para todos os nosos criadores, evidentemente.
Cando empezaches a vir á Semana Verde?
Eu levo participando desde que se empezou co tema das razas autóctonas. Cómpre destacar que a gran cantidade de animais que se distribuíron inicialmente por toda Galicia partiu de aquí, da Semana Verde. Aqueles primeiros anos vendiamos todos os animais que traïamos, ata 3.000 e 4.000 exemplares se teñen vendido nesta feira, o cal significa que eses animais se dispersaron por diferentes puntos de Galicia. Sen dúbida, para nós foi moi importante o tema da Semana Verde.
Con que expectativas acodes esta vez?
Este ano había que vir si ou si, porque é unha feira moi relevante e, ademais, para os gandeiros é importante estar aquí porque falamos uns con outros e comparamos os nosos animais, pois igual pensamos que os temos moi bos e resulta que a carón doutros non o son tanto, ou cremos que os temos moi malos e chegamos aquí e vemos que son bos. A Semana Verde é moi importante para a raza, porque aquí, ao fin e ao cabo, pasa moitísima xente de toda Galicia.
Tapirazas marcou un antes e un despois respecto da vosa participación en Salimat. Que valoración fas desta iniciativa?
O tema de Tapirazas foi un invento asombroso, marabilloso, porque demos a coñecer as nosas razas entre os consumidores. A xente coñecíaas de nome, pero non as coñecía de sabor, posto que, ao estar en
extensivo, estes animais producen unha carne totalmente distinta. Volvendo ao galo, cando eu era neno era un alimento que se consumía en vodas e demais celebracións pero, de repente, pasou a ser un alimento de consumo diario, o cal tamén é lóxico porque ninguén pode criar galos nove meses para poder vendelos, xa que saen moi caros. Con todo, unha cousa non quita a outra e do que nós estamos orgullosos tamén é de conseguir meter os galos nos restaurantes de certa categoría, pois os consumidores valoran a calidade do produto. E aquí en Tapirazas a xente pode coñecer e saborear todos estes produtos que nos brindan as nosas razas autóctonas.