5 minute read
Xoán González (Viana do Bolo, Ourense
XOÁN GONZÁLEZ CRIADOR DA RAZA OVELLA GALEGA
Advertisement
O ourensán Xoán González, nado en Vilariño de Conso, apostou por vocación pola gandería hai sete anos e, a día de hoxe, mantén no concello veciño de Viana do Bolo unhas 450 ovellas galegas que forman o rabaño de Granxa A Ciruxana. Falamos con el de como é a súa cría, das bondades da súa carne e dos piares da súa comercialización.
Como te adentraches nesta profesión?
Na miña casa había vacas e vendéronse as últimas cando tiña catro anos, pero o meu avó atendía algún prado e eu sempre ía con el. Gustábame o tema xa daquela. Cando rematei o bacharelato, fixen o Ciclo Superior de Dirección e Xestión de Empresas Agropecuarias e, ao finalizar, co apoio familiar, empecei a comprar ovellas e a arrendar algunhas terras. Cando vin que me gustaba e que isto tiña futuro, pedín a incorporación e empecei a funcionar. Considérome gandeiro por vocación.
Por que te decantaches por esta raza?
Hai sete anos que formei a granxa, pero con outras razas, con ovellas castelás e algún cruzamento. Nin o sabor nin a calidade da carne era o que eu buscaba e os animais non se adaptaban ao meu manexo nin aos meus terreos. Tiven un montón de problemas con enfermidades, moitísima carga de traballo… ata que comecei coa Ovella Galega. Con ela conseguín ter menos enfermidades, menos traballo e unha carne de moita máis calidade. Nós notámolo na casa. Antes, coas castelás comiamos dous cordeiros no ano e, desde que temos Ovella Galega, é raro que no mes non comamos medio cordeiro. O sabor é excelente, entón… nótase a diferenza.
Como foron os inicios?
Empecei cun lote de 200 ovellas e os inicios foron moi duros, porque, a pesar de ter o ciclo, a formación foi toda centrada no vacún de leite intensivo e tiven que aprender a base de proba e erro. Asistín a varios cursos e aprendín a facer o manexo rexenerativo e a traballar
programando os pastoreos con cercas eléctricas. Así fun reducindo a carga de traballo. Agora estou moi contento e lévoo moi ben, teño calidade de vida; pero os primeiros tres anos foron moi duros.
Cantos animais tes na actualidade?
Hoxe en día teño 450 ovellas.
Que manexo desenvolves?
Despois de formarme con algúns cursos de pastoreo rexenerativo, empeceino a aplicar. Este procedemento consiste en imitar o movemento das mandas dos animais da sabana, que se moven en grandes grupos para protexerse dos depredadores. Fago o que lle chaman altas cargas instantáneas con parcelas diarias. Divido o terreo en parcelas con pastor eléctrico para cada xornada e iso supón que as ovellas pastorean moi xuntas, co que aumentan a materia orgánica do solo, porque o deixan moi fertilizado; melloran os pastos, porque aproveitan todo, sen sobrepastorear as parcelas, e, con todo, aumenta a produtividade.
De que extensión de terreo dispós?
Xestiono sobre unhas setenta e cinco hectáreas. As ovellas están fóra sempre, en extensivo total.
Como fas a xestión reprodutiva?
Fago concentración de partos, para ter un parto grande na primavera, a finais de abril ou maio, e, a partir deste ano, vou dividir o rabaño para que unha parte paira en outubro, para vender para o Nadal. O ideal para producir é xestionar os partos para a primavera, porque hai máis pasto e é moito máis barato. A intención de facer o parto no outono para vender no Nadal é que hai moita demanda e se obtén un prezo moito mellor para os cordeiros. Aínda que a produción pode saír algo máis cara, compensa porque hai moita venda.
Como é o carácter destes animais?
Non son ovellas tranquilas, como outras razas. Son ovellas que teñen enerxía, que corren, así que para manexalas fan falta cans cun carácter máis duro. Teño dous border collies para pastorear e tres mastíns adultos, máis outros catro que estou criando para protexerme do lobo. Críanse desde pequeniños con elas e xa se consideran parte do rabaño.
Supoñen os ataques do lobo un problema importante para a túa explotación?
Nesta zona non temos moitos ataques; porén o máis importante contra o lobo é o traballo dos mastíns e tamén axudan as cercas eléctricas e as barbacanas que usamos, que son uns anacos de tela que colgamos nas cercas e que se moven co aire. O lobo, que é moi desconfiado, sempre sospeita ao ver ese movemento e dálle certo medo. Ante este tema, pediría que a Xunta interveña, que lexisle para que os mastíns poidan estar soltos, que asuma os gastos de manter os mastíns e que se paguen todos os danos a lucro cesante coa maior brevidade posible.
Como xestionas a comercialización da carne?
Agora mesmo o volume é pequeno porque estou recriando todas as femias e só vendo os machos, ao redor de cen cordeiros ao ano. Estou traballando, sobre todo, a venda directa e o resto vai a maioristas.
Como están os prezos no mercado?
Os prezos que pagan os maioristas son vergonzosos, un roubo a man armada. Coa venda directa, a xente proba o cordeiro e, se responde, non adoita ter problemas polo prezo. A venda directa é a maneira de vender a uns prezos medianamente xustos.
Botas man dalgunha ferramenta para a promoción dos teus produtos?
Como máis clientes se fan é a través do boca a boca, pero tamén utilizo as redes sociais e vou a feiras, como Xantar ou a Semana Verde.
Que apoios recibes por parte de Asovega?
O asesoramento técnico, a xestión do libro xenealóxico e todo en canto á publicidade á hora de vender: trípticos da raza, bolsas, stands nas feiras… Pagamos moi pouco para todo o que se recibe.
Estás satisfeito con este xeito de vida?
Eu estou moi contento. Penso que o rural é o lugar idóneo para vivir e ter unha familia, para criar uns nenos. Aposto moito pola calidade de vida, por poder librar algúns días e deixar alguén que lles bote un ollo aos animais ou que lles abra para cambiar de parcela. Así, o traballo lévase moi ben. Animo a xente a que se dedique a isto, que é unha vida moi bonita. Ao principio é dura, pero, unha vez que a explotación vai adiante e te organizas para ter esa calidade de vida, pódese vivir moi ben.