5 minute read

Víctor Fontán (A Estrada, Pontevedra

VÍCTOR FONTÁN CRIADOR DA RAZA GALIÑA DE MOS

“A XENTE TEN MÁIS GANAS DE COMPRAR CA OUTROS ANOS E, EN XERAL, VÉN BUSCANDO CALIDADE”

Outro dos criadores de Galiña de Mos co que falamos no transcurso da Semana Verde foi Víctor Fontán, propietario de A Granxa de Lola, situada en Arnois, no concello pontevedrés da Estrada. Víctor é xa un experimentado neste salón agroalimentario, pois leva acudindo con regularidade a Silleda dende hai oito anos.

Cando comezastes coa cría de Galiña de Mos e cantos animais tedes na actualidade?

Empezamos a criar esta raza autóctona no ano 2014 máis ou menos e hoxe en día temos ao redor de trescentos animais en total (machos, femias e cría).

Como xurdiu este proxecto?

A explotación colleuna o meu sogro con dúas pitas; á miña muller e mais a min gustounos a actividade e empezamos a ter unhas cantas máis e agora pois estamos traballando ben.

Como é a cría destes animais?

O día a día é moi complicado, porque é un animal que crece moi lento, que se fai en tres, catro e ata cinco meses e, no caso do macho, ata os dez meses non se mata, entón temos aí un período de tempo moi grande no que poden pasar moitas cousas, aínda que polo resto é moi forte. É un animal que non precisa estar encerrado; de feito, se o encerras sofre máis e é aí onde vén o perigo: pícanse os uns aos outros, danse casos de canibalismo, non comen ben e veñen as enfermidades. Porén, a Galiña de Mos soporta moi ben as inclemencias meteorolóxicas, a choiva, o vento… No noso caso, á parte da cría desta raza, tamén temos horta, o que nos permite facer un circuíto entre ambas as actividades; o que non vendes porque está algo tocado vai para eles. Digamos que nos autoabastecemos e, nestes tempos que corren que está todo moi caro, é a única solución que hai.

Que produtos vendedes?

Vendemos galo e galiña para carne, galiña e pitos pequenos para vida e ovos. O noso produto estrela é o ovo.

Como facedes a comercialización?

Os ovos lévollelos eu persoalmente aos clientes en furgoneta e a carne vai a través do matadoiro, é dicir, é o matadoiro quen nos fai a repartición entre os clientes, cos que contactamos nós previamente. Agora estamos pendentes de que a Administración nos autorice os matadoiros artesanais nas explotacións para poder matar e distribuír nós o produto.

Cal é a tipoloxía dos vosos clientes?

De todo, dende particulares ata hoteis de cinco estrelas. Movémonos no ámbito autonómico, sobre todo pola zona de Vigo, Cangas, Pontevedra e algo na área de Santiago. Traballamos con tendas delicatessen, con herboristerías e con establecementos hostaleiros e de restauración.

De que maneira fostes evolucionando en canto a vendas?

Ao longo destes anos, clientes que empezaron con cinco ducias de ovos agora están levando 27-30 á semana e incluso traballamos cunha tapería que nos está demandando máis dun cento de ducias á semana, así que nestes momentos non podemos coller a ninguén máis; de feito, estes días pasaron polo stand persoas da Coruña, de Lugo, incluso algunhas de Portugal e de Francia, interesadas nos nosos produtos ás que lles tivemos que dicir que agora mesmo non as podemos abastecer. É que, ademais, este ano tivemos moita mortaldade na explotación por ataques de aguias e de xinetas, estamos a falar de perdas de douscentos e pico animais, e iso tamén inflúe moito na oferta.

Atopastes algunha solución para facerlles fronte a estes ataques?

A solución é moi difícil, por non dicir imposible, porque, ao non haber xente no rural que teña animais, céntranse na nosa explotación e é moi difícil paralos. A solución sería que houbese máis explotacións; así, polo menos, os ataques estarían máis repartidos. Outra alternativa non hai porque hoxe en día a fauna silvestre está moi protexida, non se lle pode tocar.

Con que obxectivo acudides á Semana Verde?

Dende que empezamos a vir a esta feira, hai xa uns oito anos, a nosa finalidade sempre foi a mesma: darlles visibilidade aos nosos bos produtos de raza galega no ámbito autonómico, estatal e tamén de fóra, europeo. Empezamos primeiro abaixo [refírese ao pavillón de gandería] coa venda de pitos e despois, haberá cinco ou seis anos, viñemos para aquí, para o de Salimat. Agora abaixo temos só uns galos de exhibición e nada máis.

Notastes algunha diferenza este ano con respecto a outras edicións da feira?

Polo de agora, o que notamos é que a xente ten máis ganas de comprar ca outros anos e, en xeral, vén buscando calidade. Os consumidores estanse dando conta de que pagando un pouco máis teñen máis calidade e iso fai que a demanda se incremente. Neste tempo de pandemia a xente tamén aforrou máis ao non poder saír ou facelo con menos frecuencia, co cal ten máis diñeiro e iso tamén se nota, xa que non é coma outros anos, que viñan polos postos a ver que podían levar de balde para a casa. No que vai de mañá estiven con persoas da Coruña, de Lugo, de Santiago e de Pontevedra que viñan directos a mercar produto. E xa non falamos soamente de tendas, senón de particulares que fan a compra aquí e piden que llela mandemos á casa. Este é o gran cambio que estamos notando.

“AGORA ESTAMOS PENDENTES DE QUE A ADMINISTRACIÓN NOS AUTORICE OS MATADOIROS ARTESANAIS NAS EXPLOTACIÓNS PARA PODER MATAR E DISTRIBUÍR NÓS O PRODUTO”

Que vantaxes vos achega o selo 100% Raza Autóctona?

Este selo certifica que o teu animal é de pura raza galega, non coma outros que din que o son cando en realidade non é así. Digamos que é unha garantía para o consumidor e a xente valórao moito.

Acudides a máis feiras ou tedes algunha outra estratexia para dar a coñecer os vosos produtos?

A nós o que mellor nos funciona é o boca a boca e non imos a máis sitios porque nestes momentos temos máis demanda que oferta, non temos máis que vender.

Como valorades o papel de Boaga á hora de darlles promoción ás nosas razas?

O seu papel é fundamental tanto a nivel veterinario como administrativo para darlles visibilidade aos nosos produtos e ás nosas razas; de feito, sen eles non existiriamos. Implícanse moito e botan máis horas das que deberan, por iso lles debemos dar as grazas a todos eles.

This article is from: