6 minute read
María José Castro (Vila de Cruces, Pontevedra
MARÍA JOSÉ CASTRO CRIADORA DA RAZA GALIÑA DE MOS
Advertisement
O anterior traballo de María José non lle permitía pasar todo o tempo que quería cos seus fillos, daquela aínda en idade escolar. A raíz desa circunstancia decidiu probar sorte no rural e desenvolver un proxecto ao redor da Galiña de Mos e as súas producións. Hoxe en día vive unicamente da súa explotación de avicultura artesanal Castro de Madrosende, situada en Toiriz, no concello pontevedrés de Vila de Cruces.
Como te introduciches nesta actividade?
O meu proxecto xorde nun momento no que eu tiña nenos en idade escolar que requirían moito da miña presenza e a confección, que era o sector no que traballaba, estaba daquela maneira, así que, como a min sempre me gustou o rural, apostei pola Galiña de Mos e máis concretamente polo ovo. Durante dous anos compaxinei as dúas actividades, pero logo chegou un momento no que tiña de decidirme por unha cousa ou pola outra e decanteime por isto.
Por que apostaches pola raza Galiña de Mos?
Decidinme por ela porque é unha raza en perigo de extinción e porque non quería algo industrial senón artesanal. Eu digamos que son da antiga usanza, gústame facer as cousas como as facían as nosas avoas, aínda que realmente é imposible, pero intento ir nesa liña, facer as cousas do xeito máis artesanal posible.
Cando empezaches?
Empecei no ano 2012 a tempo parcial e, desde o 2014, dedícome a isto a xornada completa.
Cantos animais tes na actualidade?
Nestes momentos ando nuns seiscentos exemplares en total. Cómpre explicar que teño dous REGA, porque a normativa da avicultura artesanal nos limita moito a produción anual e cun só non me chegaría; entón teño unha explotación na casa e outra moi preto e procuro case sempre ter o cupo completo tanto de galiñas para a posta de ovo como de animais para a ceba.
Como é a cría destes animais?
No meu caso, os poliños non nacen aquí senón que os traio cun día de vida. Téñoos encerrados aproximadamente un mes ou mes e medio comendo penso de arranque e a partir de aí empezan a saír ao aire libre e introdúceselles outro tipo de alimentación. Basicamente é unha cría ao aire libre; ábrolles pola mañá e están sobre herba ata a noite, que dormen cerrados. A alimentación é a base de cereais, millo que recollo eu na explotación e trigo, ademais de verza e outras hortalizas que haxa en cada momento.
Que produtos comercializas?
Comercializo ovo e carne de galo. No caso do ovo, agora [finais de ano] estamos saíndo da peor época para a posta e sacamos unha media de cinco ducias ao día, pero en épocas mellores podemos chegar ata as oito ducias. No caso da carne de galo, a idade mínima de sacrificio que fixa a normativa para ser considerado galo é de oito meses, pero eu espero ata os nove ou dez porque, canto máis vello, mellor é a carne. Antes de que dera comezo a pandemia o galo estaba saíndo de marabilla durante todo o ano, pero esta situación significou un parón importante, xa que a restauración se viu moi afectada e eu dependo dela ao 90 %.
Como fas a comercialización?
Basicamente, eu fago venda directa a restaurantes de alto nivel. Os ovos colócoos case todos en Madrid e a carne, no ámbito galego. Os establecementos cos que colaboro distínguense pola súa aposta pola calidade e por traballar con produtos de proximidade e da terra.
Cantos anos levas acudindo á Semana Verde e por que?
Creo que levo indo desde que empecei nisto. Comezamos a asistir porque desde a Asociación nos animaban a participar e para min foi unha grande exposición pública. É unha maneira moi sinxela de darte a coñecer e de facer negocio a través das relacións que xorden no stand. Aínda que sempre resulta interesante ir á Semana Verde, certo é que houbo anos que fun sen ter produto que ofrecer porque, por sorte, xa tiña todo colocado. Hai veces que acodes porque necesitas facer novos contactos e hai outras que o fas por arrimar o ombro e remar todos xuntos na mesma dirección.
Como resultou esta última edición?
Resultou sorprendentemente ben. Supoño que as ganas que todos tiñamos de volver á normalidade despois de toda a situación xerada pola pandemia axudaron, pero o certo é que a xente estaba moi receptiva ao produto autóctono, cando outros anos teño notado un certo menosprezo aos nosos produtos por unha parte dos visitantes.
Que che parece a iniciativa Tapirazas posta en marcha dende Boaga hai xa uns anos?
Paréceme un acerto total. Tapirazas é a mellor maneira de dar a coñecer as razas autóctonas en xeral porque é a maneira máis palpable de achegarse ao produto, de saber o que é, así que me parece unha opción estupenda. Certo é que tamén depende un pouco do cociñeiro encargado das elaboracións, pero con Antonio Díaz, que é quen está á fronte do restaurante nos últimos anos, está sendo un éxito porque é capaz de quitarlle o máximo partido a cada produto.
Acodes a algunha outra feira ou sérveste doutras ferramentas para darlle visibilidade á túa produción?
Fun unha vez a Etiqueta Negra, o ano que empezou, pero non volvín porque non precisaba facer contactos nese momento, e tampouco boto man de ningunha outra ferramenta porque, afortunadamente, teño toda a produción colocada.
É útil o logotipo 100% Raza Autóctona?
Si que resulta de utilidade porque a xente, ás veces, compra de xeito visual, é dicir, como que a presenza do selo fai máis atractivo o produto para o público en xeral. Logo tamén hai un determinado público para o que este selo é un indicativo de calidade; son consumidores que teñen máis claro o que queren, que é a calidade. Con todo, eu vexo que conviven os dous perfís.
É rendible este negocio?
No meu caso si, que vivo del, obviando esta época de pandemia, pero hai que dedicarlle o día completo, os sete días á semana e os 365 días do ano. Esperemos que a situación sanitaria mellore e poidamos volver pronto á normalidade.
Que valoración fas do traballo de Boaga?
Valoro moi positivamente o labor de divulgación das razas que levan a cabo; sen eles ninguén nos coñecería e seguramente nin existiriamos en moitos casos. Ademais, dependemos totalmente deles en canto a temas veterinarios, libro xenealóxico, certificación, temas administrativos etc.
Estás satisfeita co estilo de vida que elixiches?
Si, ao cen por cen. Dedícolle moitas horas pero, a cambio, non teño horario e son a miña propia xefa, así que non o cambiaría por nada. A día de hoxe, para min sería impensable outro traballo, aínda con todos inconvenientes que este poida ter.