COMERCIALIZACIÓN
37
EXPLOTACIÓNS GANDEIRAS E COMERCIALIZACIÓN DE CARNES
Nun contexto global no que os consumidores se mostran cada vez máis sensibilizados coas condicións de cría e sacrificio dos animais dos que procede a carne que consomen, neste artigo repasamos as esixencias da normativa respecto da comercialización de carnes desde as explotacións gandeiras ata o consumidor final. Agustín Álvarez Álvarez1 e Ricardo Ignacio Vecillas Rojo2 Director técnico de Industrias Agroalimentarias Xefe de Zona dos Sevizos Veterinarios de Saúde Pública da Zona de Ourense
1 2
INTRODUCIÓN
O Regulamento 178/2002 define a produción primaria como “a produción, cría ou cultivo de produtos primarios, con inclusión da colleita, o muxido e a cría de animais de abasto previa ao seu sacrificio. Abarca tamén a caza e a pesca e a recolección de produtos silvestres”. O Regulamento 852/2004 de 29 de abril de 2004 relativo á hixiene dos produtos alimenticios, define as operacións conexas á produción primaria como: • O transporte, o almacenamento e a manipulación de produtos primarios no lugar de produción, sempre que non se altere a súa natureza de maneira substancial. • O transporte de animais vivos, cando sexa necesario para conseguir os obxectivos do presente Regulamento. • No caso de produtos de orixe vexetal, produtos da pesca e animais de caza
silvestre, as operacións de transporte de produtos primarios cuxa natureza non se alterase de maneira substancial, desde o lugar de produción ata un establecemento. Nos regulamentos de hixiene establécense claras diferenzas entre os requisitos que deben cumprir os operadores que realicen a súa actividade na produción primaria e determinadas operacións conexas e os que a desempeñen nas fases posteriores. A preocupación polos alimentos que se consomen incrementouse de modo exponencial nos últimos anos. As demandas actuais máis solicitadas polos consumidores están na liña de que os alimentos sexan sans e seguros, pero tamén teñen unha especial consideración as condicións baixo as que estes alimentos se produciron, de forma que
as prácticas de produción de alimentos de orixe animal ofrezan e garantan unha adecuada protección dos animais. Estamos a falar, pois, do benestar animal, que está garantido e ordenado pola Unión Europea mellorando a formación dos gandeiros e veterinarios na manipulación correcta dos animais, a prevención de enfermidades e o sacrificio humanitario orientado a minimizar o seu sufrimento e, ao mesmo tempo, proporcionándolles información clara e precisa aos consumidores. Na Unión Europea, ao benestar animal dáselle unha grande importancia na produción primaria, fundamentando a súa normativa sobre a cría, o manexo e o sacrificio dos animais, non só en garantir a seguridade alimentaria, senón tamén para garantir que esta produción se realice co mínimo sufrimento para os animais. Autóctonas Galegas Número 14