Revista Pincha 29

Page 13

Gargantua, a litografía de Honoré Daumier

pola gorxa

Para comelo... pero en galego!

LURIÑAS

S

e buscas a palabra "chipirón" no dicionario da Real Academia Galega, vas atopala, si, pero cunha indicación que di que a súa forma correcta é "luriña".

Curiosidades ❖

As luras teñen varias curiosidades físicas, como tres corazóns ou a capacidade dos machos para cambiar de cor co fin de chamar a atención das femias. Os seus ollos están situados en cada lado da cabeza e non enfocan como o ollo humano, senón como unha cámara ou un telescopio. Na boca teñen un pico afiado que usan para matar e esgazar as súas presas e contan ademais cun saco con tinta negra que disparan velozmente cando se senten ameazadas.

Estes animais atópanse en todos os mares do mundo e existen centos de especies deles repartidos polo noso planeta.

As luriñas cocíñanse de formas moi diversas e podemos atopalas en restaurantes de toda España. Son moi típicas, sobre todo, da gastronomía vasca.

Que diferenza hai, polo tanto, coas luras? Ningunha. Unicamente o seu tamaño. Son o mesmo produto do mar, só que as luriñas son máis miúdas. De feito, esta é a definición que achega a Real Academia Galega: `Lura pequena'. E como podemos describir entón unha lura? No Dicionario de alimentación e restauración editado pola Xunta de Galicia, explícase que se trata dun molusco cefalópodo co corpo alongado, de cor rosada con manchas violáceas e rematado en punta, con dúas aletas triangulares nos laterais, oito brazos desiguais con dúas filas de ventosas e dous tentáculos máis longos, provisto dunha cuncha interna, longa e estreita e dunha bolsa de tinta.

ONDE PROBALAS? A versatilidade das luriñas permítenos cociñalas de distintas maneiras: á prancha, fritas, enceboladas, na súa tinta, con arroz etc. Este é un prato moi servido nos bares e nos restaurantes de Compostela, en forma de racións ou como entrantes. Podemos pedir luriñas como primeira opción do noso menú en locais como o San Jaime (na praza de Fonseca), na Taberna do Bispo (na rúa do Franco) ou no Bemboa Compostela (na rúa do Preguntoiro).

Ademais, se queremos un bocadillo de luras para comer pola rúa, na praza do Toural hai unha tenda de Bocalamar, a primeira franquía especializada neste produto servido entre pans. Pero se o que preferimos é cociñar as luriñas na nosa propia casa, o ideal é optar por compralas no Mercado de Abastos de Santiago, no que unha trintena de postos especializados ofrecen os seus peixes e mariscos chegados diariamente das lonxas galegas. Pincha | N 29

| 13 |


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.