Revista Pincha 28

Page 25

Por Inés Silvalde de Os Catro Gatos

@oscatrogatos

a gorida do artista

Camilo Seira. Arte de raíz

A

primeira vez que visitei Seira (Rois), sentinme abafada pola diversidade e a beleza do seu terreo. As árbores centenarias daban sombra ás pezas escultóricas,

mentres as canas de bambú negro creaban paisaxes sonoras. Animais domésticos e salvaxes bulían polo entorno xunto coas risas dos nenos xogando cos niños dos paxaros. Describimos o eido do artista Camilo Seira, como un lugar no que vida, arte e natureza conforman a súa gorida. Cando coñecín a Camilo tiven a sensación de que a salvia das árbores, conscientes das súas raíces, corría polas súas venas. Tamén que os paxaros, as pedras ou os bruídos atoparan nel un gran aliado para codificar e descodificar a súa linguaxe en arte. A colección de esqueletos ou as pezas en taxidermia que contemplamos na súa casa, acércannos a un artista con matices renacentistas, no que a arte e a ciencia se fusionan. Un artista arraigado tamén nas orixes do home na terra que atopa a inspiración nos elementos naturais que o rodean. Pedra, madeira, óso, ferro, sangue ou bosta son algúns dos recursos cos que traballa, facendo unha lectura minuciosa das súas características propias, co fin de que dialoguen no resultado final. Un gran respecto polo material, pero tamén pola tradición cultural de Galicia. Este artista padronés conta con un repertorio iconográfico inspirado na mitoloxía, lendas e rituais ancestrais así como experiencias vitais. Preséntansenos Minotauros, porcos antropomórficos, mulleres saíndo das entrañas do animal ou acios de peitos. Rostros inxenuos cun acabado rudo e sutil policromía no que o material, técnica e a figura exprésanse dunha forma equilibrada. Na representación da temática, observamos destreza e inquietude artística, botando man de múltiples procedementos e materiais. Camilo non titubea á hora de experimentar e atopar o mellor medio, enriquecéndose coas novidades que lle poden aportar un novo material. Así percibimos o interior do seu taller, un espazo ecléctico onde a vista non atopa lugar onde parar. Seira é unha fonte inesgotábel de inspiración. Unha vez ao ano, Os Catro Gatos temos a sorte de celebrar unha xornada chamada “Land Art Seira” xunto con outros artistas e o colectivo Pataka, ao que o artista do que hoxe falamos tamén pertence. A súa familia xoga tamén un papel fundamental facendo que nos sintamos como na casa. As datas adoitan ser alternas, co obxectivo de que o espazo se mostre diferente segundo ao momento estacional. Neste encontro

debemos interpretar espazos, especies vexetais, texturas ou formas que nos leven a facer unha peza escultórica integrada no espazo. Para iso debemos xogar cunha serie de premisas que impidan deteriorar o entorno. O día remata cun fascinante evento na carballeira na que a arte, a música e a maxia da noite son os grandes protagonistas. Ano tras ano podemos ver como algunhas das pezas sobreviven ao paso do tempo, convertendo o terreo de Seira nun labirinto de restos escultóricos. Pronto teremos novidades dun novo proxecto escultórico. Só podemos adiantar que se trata dunha peza de carácter monumental en granito na que a luz do solsticio de verán vai xogar un papel fundamental. Mentres tanto podedes seguir apreciando algunhas das súas pezas dispostas en emprazamentos urbanos. A sementeira en Padrón, Antón Fraguas en Santiago ou Avilés Taramancos en Noia son algúns monumentos dentro dunha longa lista. E faise a noite en Seira. Os seres nocturnos son agora os espectadores da arte en penumbra. Pincha | N 28

| 25 |


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.