Vaca Pinta 24. Edición galego

Page 46

FORMACIÓN

Volve o Máster en Produción de Leite ao Campus Terra da USC As circunstancias sobrevidas da pandemia pola COVID-19 provocaron que a dirección destes estudos tomase a decisión de suspender o curso 2020-2021, pero foi convocada unha nova edición de cara a 2021-2022.

A

situación de incerteza de cara ao curso académico, as altas probabilidades de que os estudos se desenvolvesen total ou parcialmente con docencia a distancia e a compoñente práctica elevada que ten este Máster Propio en Produción de Leite facían complicado poder garantir hai un ano a viabilidade de gran parte das actividades programadas. Por todo iso, a dirección decidía suspender a edición do curso 2020-2021 sempre coa firme vontade de manter a oferta académica no futuro e máis concretamente para o curso 2021-2022. Así foi, pois a dirección anunciou a nova convocatoria do Máster Propio en Produción de Leite, que dará comezo no mes de setembro no Campus Terra de Lugo. Estes estudos xorden nun contexto de colaboración entre a Universidade de Santiago de Compostela, a Xunta

de Galicia a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) e o Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (Ligal) e coa participación de profesionais, cooperativas e empresas innovadoras no sector como resposta formativa á demanda de expertos en servizos técnicos especializados e de asesoría das explotacións gandeiras, as cooperativas agrarias, as industrias, as institucións e as empresas de servizos. É unha ferramenta de formación continua e reciclaxe profesional para aqueles que xa están a desenvolver o seu traballo no sector ou queren incrementar a súa especialización. A actualización de coñecementos e a posta en común con técnicos de diferentes ámbitos permiten crear sinerxías e potenciar o coñecemento, imprescindible para o sector.

O PROGRAMA A formación agrúpase nun total de sete módulos: morfoloxía, fisioloxía e manexo sanitario, calidade do produto, instalacións gandeiras, produción de forraxes, alimentación na produción de leite, economía da produción de leite e actividades prácticas. Son un total de sete áreas de estudo que suman 350 horas de clase presencial, cun enfoque práctico e aplicado, que os alumnos porán sobre o terreo durante as 312 horas de prácticas en empresas. Existe a posibilidade de recoñecer as prácticas en empresas para aqueles alumnos que xa desempeñen a súa experiencia profesional no sector. Ademais, esixirase a presentación dun traballo fin de máster.

CALENDARIO ACADÉMICO Para obter esta titulación, hai dous itinerarios posibles, ambos de carácter presencial. A primeira opción, a intensiva, levarase a cabo nun curso lectivo habitual, de setembro de 2021 a xullo de 2022, e está pensada para aquelas persoas que dispoñen do tempo suficiente para compatibilizar os labores docentes do curso e, ao mesmo tempo, facer as prácticas e o traballo fin de máster.

46 | Vaca Pinta n.º 24 | 05.2021

vp024_formacion_volveMasterProducionLeite_galego_sabe.indd 46

27/5/21 11:25


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.