COUSAS DE - Revista Nº7

Page 48

PÉ DO GALIÑEIRO / OPINIÓN

A INCÓGNITA GUILLADE (2ª parte) Por Carlos Méixome

O Guillade en Baiona Herminio Ramos na súas Crónicas históricas de la villa de Bayona fálanos dun asalto á vila realizado pola gavela dun capitán chamado Guillade en 1820. A acción seica comezou sobre as dez da noite do 1º de xuño. A gavela comandada por Guillade e composta por dez homes, a maioría portugueses, asaltou a casa de Xosé Portela en San Pedro da Ramallosa. Fenderon a porta principal a machadazos, momento que aproveitou o dono da casa para fuxir. Unha vez no interior da morada pediron viño á esposa do fuxido e ameazaron a sogra, feríndoa levemente no pescozo e golpeándoa en varias ocasións. Con posterioridade, entraron noutras dúas casas das que marcharon, despois da media noite, sen conseguir diñeiro pero si xoias e outros obxectos, ademais de comer e beber en abundancia. Ao día seguinte, sobre as catro da tarde, presentáronse na parroquia de Baíña, entraron na casa de Carlos Rodríguez: comeron ovos con touciño, maltrataron a muller e levaron como guía a Francisco Domínguez, alcumado “O Chímpoas”. Colleron cara a Baiona, dando a volta polo monte de Baredo e entrando polo campo de Santa Liberata onde un dos bandoleiros, despois de ollar un papel que tirou do peto, preguntoulle ao forzado guía cal era a casa dos Pugas e cantas portas tiña. Sobre as nove da noite do dous de xuño a gavela baixou pola rúa do Hospital dando berros e disparando os trabucos para obrigar os veciños a meterse nas casas e pechar portas e ventás. Os bandoleiros berraban os seus “nomes de guerra”: Guillade, Veleno, Trigo, Centeo, que consideraban suficiente para asustar a veciñanza. O Chímpoas levounos ata a casa de Francisco Puga. No interior atopábase o propietario coa súa dona Rosa Correa e Pedro Ibarra, amigo da parella. Despois de romper varias portas entraron na sala sete bandoleiros esixíndolle unha gran cantidade de diñeiro. Como non llelo entregou déronlle golpes e unha coitelada no pescozo, mentres que o visitante colgárono dunha trabe, cabeza abaixo, despois de tirarlle as botas. Despois de rexistrar a casa e apañar algúns obxectos de valor, o Guillade díxolle ao Chímpoas que lles indicase a morada de María Benita David. Ao chegar a esta, uns puxéronse na entrada posterior, que daba ao mar, e outros na principal, dando berros e disparando os trabucos. Abateron a porta principal a machadazos. Foi nese intre cando chegaban a porto as gamelas que fixeron soar as súas bucinas en sinal de arribada e Guillade e os seus homes, coidando que se trataba de xente armada que viña contra eles, comezaron a trabucazos e fixéronos recuar cara ao mar. O Chímpoas dirixiunos despois á casa de Vicente Soto, quen, ante o barullo de berros e disparos, asomouse á fiestra xusto no momento en que unha bala batía nela. Preguntoulles que querían e dixéronlle que abrise a porta, se non que o farían eles. Logo de franquearlles a entrada, os bandoleiros preguntáronlle onde estaba “A arca do mudo” que era o depósito dos mariñeiros. Cando llelo dixo rompérona e colleron o diñeiro. Logo roubaron a casa de José Ramos e despois a de Josefa Pérez, muller de Domingo Amorín. Ese foi o momento no que o Chímpoas, aproveitando que xa non lle facían moito caso e aducindo necesidades inescusables, aproveitou para fuxir e regresar a Baíña. Dende a casa do patrón de pesca Roque Mariño botáronlles uns tiros aos bandoleiros. Enfurecidos tiraron abaixo tres portas e percorreron todos os cuartos na busca dos que lles dispararan, mais non os deron topado xa que se agocharan baixo dunhas redes. Cando ía amencer, a partida abandonou Baiona tranquilamente. Na Groba atoparon varios veciños de Belesar que andaban a apañar toxo para estrar as cortes e obrigáronos a cargar cos fardos do roubado e non os deixaron regresar ata pasar o San Colmado, cando era xa de noite. A cada un deles déronlle oito reais. Logo sóubose que pasaran o Miño por Camposancos.

48 cousas de


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.