GALICIA SOLIDARIA
AFAGA, Ó CARÓN DAS PERSOAS CON ALZHÉIMER E AS SÚAS FAMILIAS
“Afaga é unha entidade sen ánimo de lucro que loita pola dignidade das persoas con alzhéimer e as súas familias”. Con estas palabras define a misión da asociación o seu presidente, Juan Carlos Rodríguez.
E Cristina Villanueva C Afaga
Afaga creouse hai xa 26 anos, no ano 1994, e xurdiu dun grupo de familiares que por mor da desorientación e falta de información que naquel momento existía respecto desta enfermidade, uníronse para buscar apoios. Foi a primeira asociación de familiares de Galicia, e tras 20 anos de actividade, integra xa a máis de 700 socios. Desenvolve a súa acción no sur da provincia de Pontevedra. exceptuando as poboacións do Morrazo. Nesta área estímase unha poboación de 9.957 persoas con alzhéimer e outras demencias, das que o 50% non teñen diagnóstico definitivo. Ademais, calcúlase que pode haber entre 3.000 e 15.000 persoas máis cunha deterioración cognitiva leve que pode derivar nunha demencia. Pero os números non queda aí, xa que por cada paciente deste tipo hai implicadas polo menos dúas persoas da súa contorna, que se encargan do seu coidado e atención. Co cal o número de afectados por esta enfermidade na área sanitaria de Vigo ascende a uns 30.000. Por tanto, a presenza da entidade nesas localidades é imprescindible. A asociación ten nove centros nos que ofrece programas de estimulación cognitiva e funcional, e tamén servizos de atención social, psicolóxica, legal e cursos de formación aos familiares. Estes localízanse en: Vigo, onde se sitúa o Centro de Atención Integral para enfermos de alzhéimer en fase leve ou moderada e onde xestiona o Centro de Día Beiramar; O Porriño, onde xestiona unha Unidade de Atención Terapéutica e en Mos, Nigrán, Tui, Salceda de Caselas, Ponteareas e Redondela onde desenvolve obradoiros de estimulación cognitiva e funcional Ademais, desenvolve programas de prevención á deterioración cognitiva en Gondomar e Baiona, a través do taller ‘Cultiva a Mente’. Cando unha persoa chega á porta de Afaga tras un diagnóstico dun familiar, adoita estar angustiada e con pouca información, por iso, a asociación abre as súas portas a todo o que necesita apoio e orientación. En primeiro lugar unha traballadora social ofrécelle todo tipo de asesoramento, desde información relativa á enfermidade ata as axudas sociais ás que ten dereito e, por suposto, sobre todos os servizos que lle ofrece a asociación, tanto para a persoa enferma como para os familiares e coidadores. 50 cousas de
SERVIZOS: •Programa de Acollida •Servizo de Atención Psicolóxica a familiares e a persoas enfermas •Programas de grupos terapéuticos para coidadores •Talleres de Estimulación Cognitiva e Funcional •Programa de Atención a Domicilio •Asesoramento Legal •Asesoramento en produtos de apoio •Recursos especializados •Taller de novas tecnoloxías •Taller de fisioterapia •Programa de prevención do deterioro cognitivo •Formación a familiares e coidadores •Formación especializada a profesionais Doutra banda, Afaga promove e participa en proxectos de investigación con diversas universidades e outras entidades.