MEDIO AMBIENTE
CEGOÑAS NA COMARCA DO BAIXO MIÑO E C Manu Sobrino
A chegada das cegoñas o Baixo Miño, o pasado mes de febreiro, provocou enorme balbordo na parroquia tomiñesa de Estás, lugar que chegou a congregar o grupo máis numeroso destas zancudas xamais rexistrado na nosa comarca. Un total de 16 exemplares foron observados o 30 de marzo, en pleno confinamiento polo coronavirus, ante o estupor dos vecinos sorprendidos polo achádego. A noticia do seu regreso comezou a ser amplamente difundida a través das redes sociais, xerando numerosas reaccións. As primeiras informacións, moi confusas, falaban dun único individuo errático, localizado en diferentes puntos entre A Guarda e Tomiño. Só uns días bastaron para confirmar a boa nova: unha parella establecérase no alto dunha palmeira, despoxada das súas follas polo ataque do picudo. Nos últimos anos, púidose constatar a utilización destas improvisadas plataformas como soporte para a construcción de niños por parte das cegoñas. Unha vez máis, abríase unha porta á esperanza... “¡Ogallá se queden!”, enfatizaban os veciños, que cada mañanciña tiñan a sorte de asistir as espectaculares cerimonias de saudación, consistentes en sonoros crotoreos e contorsións imposibles. Pero non queda ahí a cousa. Imaxes gravadas e partilladas por este que escribe amosaban as continuas pelexas de catro exemplares —presumiblemente dúas parellas— por facerse co control da cobizada palmeira. Imaxes que chamaron a atención de medios como RadioVoz ou La Voz de Galicia, que o 1 de marzo titulaba así un dos seus artigos: “Las cigüeñas vuelven a O Baixo Miño”. Posteriormente, grupos de ata seis aves foron rexistrados sobrevoando a antiga fábrica de As Cachadas e o barrio de Pacenteo, en O Rosal. Os grandes e elegantes ciconiformes estaban xa en boca de todos, e os seus voos eran seguidos con entusiasmo.
52 cousas de