TURISMO
XEODESTINO RÍA DE VIGO E BAIXO MIÑO PRESENTADA EN TUI A FOLLA DE RUTA PARA ESTE ANO, QUE INCLÚE A CREACIÓN DUNHA WEB, UN BANCO DE IMAXES, UN CONCURSO DE CURTAS, ANDAINAS CULTURAIS, UNHA NOVA RUTA TURÍSTICA OU UN CONCERTO Tras a súa posta de largo na Feira Internacional de Turismo de Madrid, o Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño presentou en Tui a súa folla de ruta para os vindeiros cinco anos. Un plan estratéxico que conta co respaldo de Turismo da Xunta de Galicia e que busca impulsar de maneira conxunta “a competitividade do sector turístico dos 14 concellos que o conforman, situándoo como o instrumento de referencia na planificación turística do territorio e coa finalidade última de desenvolver produtos turísticos de calidade baseados nos nosos recursos, identidade e tradición”. Así o explicaba a alcaldesa de Tomiño e presidenta da Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural no acto de presentación desta Estratexia de Turismo, no que participaron Laura González-Dopeso, responsable de programas europeos de Turismo de Galicia e Enrique Cabaleiro, alcalde de Tui, que se amosou “moi orgulloso de acoller a presentación do noso plan de futuro”. Tamén estiveron presentes Emiliano Lage, alcalde de Fornelos de Montes; Francisco Ferreira, alcalde de Gondomar; Antonio Lomba, alcalde da Guarda; Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos; Juan A. González, alcalde de Nigrán; Cristina Correa, alcaldesa de Oia; Digna Rivas, alcaldesa de Redondela; Ánxela Fernández, alcaldesa do Rosal; así como os concelleiros de turismo de Gondomar, Nigrán, Redondela, Soutomaior e Tui. Serán “10 liñas de traballo centradas na creación de produto con 10 marcos de actuación que non deben ser compartimentos estancos, senón que aparecerán nexos comúns e procuraranse sinerxías que demostren a singularidade do Xeodestino, unha singularidade non só por ser o primeiro reino medieval de Europa, senón por contar “cunha das maiores concentracións de gravados rupestres do continente e cunha das fronteiras máis antigas do mundo. Estes son ingredientes suficientes para apostar pola historia no arranque do noso xeodestino.
38 cousas de