RÍAS BAIXAS
MARÍA VINYALS, A PRIMEIRA CAMELIA “CON NOME DE MULLER” NO XARDÍN DO CASTELO DE SOUTOMAIOR AS REFLEXIÓNS DE VINYALS E O HIMNO CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO “A PORTA VIOLETA” DE ROZALÉN, COMPLEMENTARON O ACTO ENMARCADO NA PROGRAMACIÓN “POR NÓS, POR TODAS” Coas palabras de María Vinyals reflexionando sobre a posición das mulleres hai máis de 100 anos e a canción contra a violencia de xénero “A porta violeta” de Rozalén, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada do alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, das deputadas provinciais Ana Laura Iglesias, Raquel Giráldez e Victoria Alonso, do autor do libro “María Vinyals, a muller do porvir”, Diego Piay, e da historiadora Silvia Cernadas, realizou a plantación da camelia “María Vinyals” no Castelo de Soutomaior, a primeira “con nome de muller” do xardín. Silva, asegurou que con esta plantación “este xardín vai darlle visibilidade ás mulleres. Para que poidamos seguir dando pasos cara a igualdade é preciso ter referentes femininas”. A presidenta provincial destacou a figura de María Vinyals, a marquesa vermella, “unha muller que demandaba educación, o voto e a presencia das mulleres en todos os eidos”. “Estou segura de que a María Vinyals lle encantaría que xeracións futuras, cen anos despois, seguiran a loitar polo que ela loitou cando estaba en efervescencia, a loita das mulleres sufraxistas defendendo o voto, o dereito universal máis importante, que finalmente conseguiu Clara Campoamor”, enxalzou. Tamén sobre a figura de Vinyals detívose o alcalde de Soutomaior que aplaudiu a iniciativa da Deputación por permitir “potenciar e dar a coñecer á marquesa” e “mellorar o xardín de excelencia internacional”. O novo cultivar de camelia foi desenvolvido na Estación Fitopatolóxica de Areeiro e trátase dunha flor dobre formal que ten unhas cores cunha simboloxía “moi potente”; predomina a cor vermella, en referencia a como foi coñecida Vinyals “a marquesa vermella”; e vira a cor lila lavanda cando se cultiva en chans ácidos e está totalmente aberta, cor relacionada a día de hoxe co movemento feminista do que ela foi precursora hai 100 anos. Sobre a camelia “María Vinyals” Carmela Silva tamén avanzou que se rexistrará oficialmente en xuño e posteriormente ampliarase esta iniciativa coa “plantación doutros cultivares con nomes de mulleres, como Rosalía de Castro ou a Bella Otero”. Camelia Maria Vinyals 4 cousas de