COUSAS DE - revista Nº5

Page 44

GALAICAS

MARÍA VINYALS

(Soutomaior, 14 de agosto de 1875-París, 1940?)

UNHA ESCRITORA E FEMINISTA NACIDA NO CASTELO DE SOUTOMAIOR

María Vinyals. Arquivo fotográfico da Fundación Pablo Iglesias. Autora da biobibliografía: Silvia Cernadas Martínez. Historiadora e Guía de Turismo en Turismo de Historias.

HAI MÁIS DE CEN ANOS QUE MARÍA VINYALS TIVO QUE MARCHAR DO CASTELO DE SOUTOMAIOR PARA NON VOLVER. FOI UNHA MULLER QUE SEMPRE HONROU O SEU ALCUME DE MARQUESA ROJA, PERO CO TEMPO A SÚA FIGURA CAEU NO ESQUECEMENTO E AÍNDA SEGUIMOS SEN SABER CON CERTEZA CANDO E ONDE MORREU. NOS ÚLTIMOS ANOS, NON OBSTANTE, ESTÁSELLE RECOÑECENDO O SEU PAPEL COMO PIONEIRA NO MUNDO DAS ARTES, DAS LETRAS E DO FEMINISMO GALEGO. 44 cousas de

María Vinyals y Ferrés naceu no seo dunha familia aristocrática de orixe catalá. O seu tío político, Antonio Aguilar y Correa, VIII Marqués de la Vega de Armijo, introduciuna nos círculos culturais madrileños xa desde moi nova. Na capital pasaba María gran parte do ano a causa da intensa actividade política do seu tío. Alí recibiu unha moi boa educación, aprendeu varios idiomas e participou nas Exposicións Nacionais de Belas Artes de 1890 e 1895. En 1896 casa con Juan Nepomuceno Jordán de Urríes, VI marqués de Ayerbe, pasando a ostentar ese título tamén para si. O marqués de Ayerbe era un político zaragozano que a dobraba en idade e co que tivo ao seu fillo Antonio. Daquela, a sociedade rexeitaba ás mulleres creadoras e iso fixo que María Vinyals queimase os seus primeiros contos e abandonase a súa dedicación ás artes plásticas. Pero acaba volvendo á escrita e publica El Castillo del Marqués de Mos en Sotomayor (1904), unha obra sobre a historia dos Soutomaior e o castelo homónimo, e a novela autobiográfica Rebelión (1905), baixo o pseudónimo de Joyzelle. A súa actividade social increméntase á vez que comeza a colaborar con diversos xornais e revistas. O seu feminismo, nesta etapa, é dunha liña conservadora e céntrase en conseguir unha mellor educación para as mulleres. Así o fai, por exemplo, como presidenta do Centro Iberoamericano de Cultura Popular femenina. Ademais, é nomeada académica non numeraria da Real Academia Gallega, entra a formar parte do Ateneo de Madrid e relaciónase con outras intelectuais como a súa amiga Emilia Pardo Bazán. En 1908 queda viúva e, en poucos meses, casa con Enrique Lluria Despau, un médico e intelectual cubano con quen xa mantiña unha relación da que nacerá un novo fillo, Roger. O matrimonio múdase ao castelo de Soutomaior e alí mandan construír o primeiro sanatorio moderno de Galicia, especializado en enfermidades da urina. O HotelSanatorio Lluria funcionou de 1913 a 1917. Nese ano, a finca de Soutomaior sae á poxa pública. As enormes débedas contraídas e a afiliación ao partido socialista de ambos cónxuxes non axudaron en nada a que o proxecto tivese éxito. A Marquesa Roja, así coñecida polas súas ideas progresistas, foi endurecendo o seu discurso a favor da igualdade de dereitos e do sufraxio universal. A súa actividade xornalística é acompañada de multitude de relatorios. En 1920, trasládase coa súa familia a Cuba, pero a súa vida trúncase coa morte de Enrique cinco anos despois. A penuria económica e a morte de Roger son golpes moi duros para ela. Na década dos trinta está en Madrid malvendendo todo o que podía escribir e despois perdémoslle a pista para sempre.


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.