OCIO
MUSEO PONTEVEDRA
Leopoldo Nóvoa, 1919-2019. Exposición Con motivo de cumprirse recentemente o centenario do nacemento do artista Leopoldo Nóvoa, o Museo dedícalle unha ampla exposición na que se reúnen máis de cincuenta obras que recollen os diferentes momentos da súa traxectoria creativa. A mostra, comisariada por Rosario Sarmiento, poderase visitar no Sexto Edificio desde o 23 de xaneiro, ás 20 h en que se inaugura, ao 26 de abril de 2020. Leopoldo Nóvoa (Salcedo, Pontevedra, 1919 – París, 2012) é un dos grandes referentes da arte abstracta tanto dentro coma fóra de Galicia na segunda metade do século XX. Artista rigoroso, home reflexivo e profundo, viviu unha longa e fecunda existencia en lugares e circunstancias moi dispares, que o converteron nun personaxe cosmopolita e de vasta cultura. Un caudal persoal que transmitiu e plasmou en toda a súa prolífica produción creativa.
VISITAS GUIADAS Á EXPOSICIÓN: Xoves e sábados ás 18h. Non é necesaria inscrición previa. Os grupos (a partir de 10 persoas) que queiran concertar a visita guiada deberán solicitala a través da seguinte dirección de correo electrónico gabinetedidactico.museo@depo. gal ou no teléfono 986 804 100 extensión 42412 - 42413. A recepción de chamadas e correos é de luns a venres de 8:30 a 14:30. Tanto a entrada á exposición como a participación na visita guiada é gratuíta.
Cen anos despois do seu nacemento, esta exposición concíbese como unha homenaxe e un percorrido a través das etapas que marcaron a súa traxectoria. Os seus primeiros anos en Uruguai e Arxentina, onde se irá xestando o valor que a forma e a materia terán na súa obra posterior, logo en París onde se desenvolverá a súa madurez creativa, que alternará posteriormente con longas tempadas estivais na súa casa-taller da Armenteira (Pontevedra), lugar no que descubrirá o valor plástico, simbólico e emocional das cinzas. Espazo, materia e luz son os elementos dos que sempre se valeu Nóvoa para articular a súa obra, facendo fincapé nas relacións que se establecen entre eles, desposuíndo a obra do superfluo. Nas súas obras anteriores a 1979, data do dramático incendio do seu taller de París, é patente a súa vocación tridimensional coas estruturas e relevos que inclúe debaixo das teas. Nas obras posteriores, os límites entre a pintura e a escultura están cada vez máis diluídos, e as superficie das obras adquire volume a través dos relevos e da inclusión de pequenos anacos de corda —mecates—, materia e colaxes, que terán total protagonismo. Suprimindo os xogos de cores, empregando o ascetismo do branco ou incluíndo as cinzas, Nóvoa consigue unha obra de código reducido pero conceptualmente sólida e profunda.
48 cousas de
En 1952, instalado xa en Buenos Aires, Leopoldo Nóvoa realizou a súa primeira exposición da man de Luis Seoane, que influíu durante unha breve etapa na súa pintura coa introdución do colorismo que pronto abandonaría.
Tella picada sobre gran negro’ é o último cadro que pintou Leopoldo Nóvoa, en 2010.