ACTUALIDADE
O IV SIMPOSIO INTERNACIONAL DE ESCULTURA DO MIÑO CELEBRARASE DO 15 DE SETEMBRO AO 4 DE OUTUBRO EN GOIÁN A cuarta edición do Simposio Internacional de Escultura do Miño, organizado pola Eurocidade Cerveira-Tomiño, xa ten data de celebración: do 15 de setembro ao 4 de outubro no Espazo Fortaleza de Goián (Tomiño). O evento, previsto inicialmente para o mes de xuño, tivo que adiarse por mor da situación xerada pola Covid-19, decidindo os coordinadores reprogramar as datas de celebración deste certame internacional xa consolidado, no que seis recoñecidos artistas de distintas partes do mundo, traballan en vivo para amosar a súa mestría ao público xeral. Baixo a dirección artística dos escultores Liliya Pobornikova e Nando Álvarez, esta cuarta edición do simposio recibiu preto de 200 candidaturas procedentes de máis de 40 países e un xurado composto por membros dos dous concellos, será o encargado de elixir aos seis participantes definitivos. Como ven sendo habitual, os artistas traballarán ao aire libre ao longo de tres semanas, mantendo a distancia necesaria entre un e outro, para crear as súas esculturas comodamente e respectando todas as medidas de seguridade. Ademais, manterase a distancia co público, evitando a celebración de actos abertos á veciñanza ou aglomeracións de xente. Como novidade desta cuarta edición, adiantan os coordinadores que os escultores traballarán por primeira vez un novo material: o metal, xa que até o de agora viñan esculpindo en materiais máis tradicionais, coma o mármore e o granito.
14 cousas de
A Eurocidade Tui - Valença acollerá os días 9, 10 e 11 de Setembro de 2021 MUMi - Músicas no Minho O encontro reunirá artistas e bandas, promotoras, empresas de management, festivais, editoras, empresas de servizos e produción, etc. para compartir ideas, crear sinérxias sólidas, establecer novas redes de contacto e coñecer novas propostas en primeira persoa. A feira contará cunha programación profesional que incluirá actividades de formación (técnica, xurídica, marketing), speedmeetings (encontros rápidos) entre profesionais do sector, showcases cunha selección de artistas e bandas da Galicia e Portugal, e unha feira sectorial coa presenza das empresas das diferentes áreas do sector. Tamén haberá concertos abertos ao público en xeral coa selección de propostas musicais de diversos estilos e formatos, nunha programación que demostrará os novos valores e as figuras xa consagradas en espectáculos multidisciplinares para o público familiar e adulto.