PÁXINA 6 / OPINIÓN
PELAMES, ALOQUES E ATAFONAS por Suso Vila, Dr. en Historia da Arte
No arrabalde de Riomuíños concentrárase ao longo de varios séculos a maior actividade preindustrial de Tui. Os muíños son a testemuña máis evidente da personalidade do barrio, conservándose aínda hoxe as súas edificacións e vencellos coa auga. Pero até o século XVIII compartían protagonismo económico con outra actividade, a dos curtidores. Nomes como Aloques e Atafona para unha das rúas do barrio amosaría a pegada do seu traballo no rueiro da cidade. Os curtidos de Tui concentrábanse arredor da ponte do río Tripes, nome do río que se orixinaría pola limpeza nos pelames de sangue e pelos da dermis. Os pelames e aloques serían o sistema de pozas ou pías para curtir, o primeiro limpando e botando cal e o segundo cos taninos obtidos da cortiza do carballo. Para moer a cortiza empregábase a atafona, un muíño de forza animal. A importancia para Tui desta actividade reflectiríase en varias rúas gremiais como a dos zapateiros e peleteiros, desde o século XIII concentrados na parte baixa da cidade (na actual rúa Cuenca). No século XVI máis de 60 zapateiros sinalaban o peso da actividade manufactureira arredor do coiro. A crise do século XVII provocaría o seu descenso e incluso que no século XVIII os pelames e aloques acabase por desaparecer do barrio. As pías de curtume feitas en pedra distribuíanse a un lado e outro da ponte marcando unha paisaxe de gran riqueza e contrastes. En 1776 describían os pelames que aínda se conservaban, 14 no lado esquerdo da ponte e 12 no dereito. Pero tiñan existido máis toda vez que se extendían nos arredores do camiño aproveitando os penedos do barrio para facer as pozas ou incluso como a propia ponte se asentou sobre un pelame probablemente nas obras de 1591. A recuperación da memoria destas curtidorías medievais de Tui é fundamental para entender o noso pasado e tamén para que non desapareza o patrimonio asociado a ela como a atafona que pertencía ao gremio de zapateiros na rúa Aloques, local onde se moía a cortiza, se secaban os coiros e se reunían os zapateiros. Pelames A recuperación do entorno do lavadoiro de Riomuíños coa atafona e o vello muíño dos pelames enriquecería este histórico arrabalde no que incluso poderíase pensar en proxectar un centro de interpretación dos muíños e pelames de Tui. No século XVIII Riomuíños considerábase un espazo de paseo para os veciños da cidade polo agradable da súa paisaxe e o desfrute das súas augas na mellor fonte de Tui. Recuperar esta calidade debería ser un obxetivo do Plan Especial de Protección do barrio, unha iniciativa non só para conservar senón tamén para enriquecer o patrimonio. 6 cousas de